Marcos. Hotel Solymar, Louro. 12 de abril do 2013

SOCIEDAD

Décimo noveno capítulo da novela por entregas «Sobrevivindo» de Arantza Portabales Santomé

19 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Marcos acendeu un cigarro, a sabendas de que non podía fumar na habitación. Levantouse e abriu a ventá. Tamara estaba a darse unha ducha. Colleu o iPad e repasou a documentación.

Esta vez dixéralle a Nuria que estaba en Madrid. O maldito departamento de recursos humanos. Nuria apenas lle prestou atención. Daba igual. Case non pagaba a pena andar inventando historias para ela.

De súpeto ocorréuselle que se isto saía como tiña que saír, ía ter cartos abondo para facer o que lle petara. Mesmo desaparecer sen dar explicacións. Non era un mal plan. Estaba moi farto. Quizais Sudamérica sería unha boa opción.

Tamara saíu da ducha. Levaba unha toalla branca na cabeza a modo de turbante e outra arredor do corpo. Sentouse na cama e colleu o esmalte de uñas. Marcos acercóuselle por detrás e abrazouna.

-Merda, para quieto! Non ves que vou pintar as uñas! Acende a tele.

-Deixa iso. Temos que falar. Necesito que me fagas un favor.

O móbil de Tamara comezou a soar. Era a súa nai. Díxolle que andaba de cea coas amigas e que durmiría na casa dunha.

-Non estás moi crecidiña para andar mentindo?

-Se vivise contigo non tería que dar escusas.

-Diso precisamente se trata. Ven aquí, nena. Vouche ensinar algo.

Abriu a carpeta de imaxes e amosoulle varias fotografías. A maioría eran de grupo, de cinco ou seis persoas. Nunha delas, dous xoves da man posaban diante dunha palloza.

-Es ti? Demo! Es ti. Pero que novo! Cantos anos tiñas?

- Case quince. Coñeces á rapaza?

-Nuria?

-Val Valdés.

Tamara arrincoulle o iPad das mans.

-Toleaches! Val Valdés? Coñeces a Val Valdés? Encántame! Deus, ten un estilazo! Mira que eu era ben pequena cando a primeira edición de Sobrevivindo, pero? É ela? En serio? A imaxe é malísima.

-Escaneeina onte. E non sabes o que me custou conseguir esta foto! Ata me tiven que ofrecer voluntario para organizar a cea do vinte e cinco aniversario da miña promoción de Santa Catalina. É ela. Asegúrocho.

-Erades compañeiros?

-Eramos mozos. Esta foto está tomada nos Ancares. En abril de 1985. Agora atende. A semana que vén vas faltar á tenda. Pódeslle dicir á túa xefa que estás enferma. Saqueiche un billete de avión a Madrid. A volta non a pechei. Ata que consigas falar con Val, non te quero de volta. Vas imprimir este arquivo que che mandei por correo. Aí tes as fotos, a partida de nacemento do seu fillo e unha carta miña. Vaste plantar nas oficinas de grupo LAV e non te vas mover de alí ata que consigas darlle todo isto. Logo volves.

-De que demos vai isto?

-De que o fillo de Val naceu exactamente nove meses despois desta fotografía. E quero que sexas ti a que se encargue de dicirlle cal é o prezo desa información. Isto é tan só a proba que necesitabas para que te decates de que vou en serio contigo, nena.

-E cal é ese prezo? -dixo Tamara, deixando caer a toalla que cubría o seu corpo.

-Seis millóns de euros, nena. O suficiente para coller un avión ao Caribe e fuxir. Escapar. Non é iso o que querías?

Tamara desprendeuse da toalla. Aproximouse a el. Mordeulle unha orella, tan forte que sentiu o sabor do seu sangue. Fódeme, murmuroulle ao oído. Fódeme, como a fodías a ela. Marcos abalanzouse sobre ela, invadido dunha excitación descoñecida. Fódeme. Sentíase voar por una autoestrada a cento oitenta. Fódeme, como a esa puta. Marcos entrou nela sen separar a vista do iPad. Fódeme, gritaba ela, cada vez máis forte.

Só cando caeu exhausto sobre ela, conseguiu apartar os ollos da imaxe de Tina que lle sorría dende a mesiña de noite.

RESUMO

Case un ano despois do asasinato de Marcos Leis, Martín visita a Val Valdés no centro penitenciario de Teixeiro, de cara a planificar a estratexia do xuízo oral que está a piques de celebrarse.

Martín insiste en que Val se declare inocente, mentres que Val se obceca en manter a súa culpabilidade para protexerse do xuízo paralelo que realizarán os medios informativos.

Martín sorprende a Val, indicándolle que coñece un segredo que ela leva anos agochando e obrígaa a asumir a súa liña de defensa.