Jorge G. Marín: «Analizar a nosa masculinidade hexemónica é unha obriga»

Tamara Montero
tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

SOCIEDAD

SANDRA ALONSO

O profesor de socioloxía da USC presenta no Culturgal un libro no que analiza a construción das identidades masculinas

01 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Como unha guía básica sobre outros xeitos de ser homes concibiu o profesor de Socioloxía da USC Jorge G. Marín o seu último libro, Novas masculinidades. O feminismo a (de)construir o homem, que hoxe presenta no Culturgal.

-Isto é algo así como masculinidades para «dummies»?

-Evidentemente é para todos, pero o meu foco sería para os homes, porque o que pretendo é que os homes sigamos pensando sobre a nosa construción. Non se trata de fustrigarnos nin de facer un escarnio público, pero poñer sobre a mesa e analizar a nosa construción e a nosa identidade masculina hexemónica creo que a estas alturas é case como unha obriga.

-«Os homes tamén son vítimas do sistema patriarcal». Como se está na posición dominante?

-Ter unha masculinidade agresiva fai que teñas que cumprir un canon e unha expectativa onde deixas todo un mundo que teoricamente se asocia ao universo feminino fóra, como é o mundo dos afectos, da comunicación, da sensibilidade. De feito, a masculinidade constrúese como oposición a ser muller, a ser gai ou a ser neno. Esa cuestión de ser rudo, violento, agresivo, protagonista, tamén nos limita noutras facetas da nosa vida. A agresividade ao que conduce é a unha insatisfacción permanente cun mesmo.

-Cando comezamos a transitar por este camiño de cambiar o xeito de ser homes?

-Os homes levamos máis de 200 anos de atraso, porque as mulleres xa comezaron con isto coa primeira vaga do feminismo. O movemento gai axudou moito aos homes a reformular a situación, comezaron tamén a verse como vítimas dun sistema patriarcal. A partir de aí o ascenso dos movementos LGTBI axudou a que os homes heterosexuais entenderan que xa non é homes contra mulleres, e que hai moita máis diversidade. A terceira vaga do feminismo foi a clave para que os homes se desen conta da súa situación. A primeira e a segunda vaga do feminismo foron unha zona de confort para as masculinidades hexemónicas.

-Tamén analiza por que os homes están descolocados.

-Temos mulleres que teñen moi claro cal e ó seu papel, apoderarse, ocupar aquel espazo que os homes lles negaramos. Pero os homes que? O que nos quedou foi perder poder e non saber que o outro espazo tamén é interesante. Isto combínase con que a nosa socialización segue sendo a que é. As mulleres teñen un movemento máis forte, séntense máis amparadas, pero os homes que rachan o molde, que son escasos, non atopan socialmente este tipo de referentes. O home ten a presión de que ten que cambiar o seu papel, pero ao mesmo tempo non atopa o seu modelo. Ve que non se pode identificar con un modelo patriarcal, pero é consciente de que o segue reproducindo.