María Silveira: «Vén xente que nunca chamara á porta da Cruz Vermella de Ferrol»

A. F. C. FERRROL / LA VOZ

SOCIEDAD

María Silveira, en primeiro plano, e outras técnicas da asemblea local de Cruz Vermella Ferrol
María Silveira, en primeiro plano, e outras técnicas da asemblea local de Cruz Vermella Ferrol JOSE PARDO

A coordinadora da asemblea local alude ás persoas en ERTE, a quen traballaba na economía mergullada e ás mulleres dedicadas á limpeza a domicilio ou na prostitución como os colectivos máis afectados

16 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

María Silveira (Ferrol, 23 años), coordinadora da asemblea da Cruz Vermella en Ferrol, agradece á Sala INK Narón a organización do festival, cando está medrando a demanda de axudas polo covid-19. Coordina un equipo de cinco técnicas e varios voluntarios.

-Como lles afecta a pandemia?

-Traballamos en tres áreas, maiores, menores e persoas en vulnerabilidade ou exclusión social, e estámonos adaptando ao contexto, para poder facer o mesmo sen contacto. Os voluntarios, en vez de facer acompañamento físico aos maiores, comunícanse con eles por teléfono, e fanlles algúns recados. Cos menores, intentamos poñer á súa disposición ferramentas para que non perdan o curso, conexión a Internet ou equipos tecnolóxicos, e mantemos o reforzo educativo, agora por teléfono ou correo. E cos máis vulnerables, seguimos dando soporte de alimentación e asesoramento de axudas.

-Quen pide axuda agora?

-Os habituais, persoas en exclusión social para as que agora se agravou a situación; e xente que vén agora e que nunca antes chamara a esta porta: persoas en ERTE que aínda non cobraron e persoas que vivían da economía mergullada e non teñen dereito a ningunha prestación; e tamén mulleres que traballaban na atención a domicilio ou na limpeza, e mulleres en prostitución.