Ofelia Lema, concursante de «Come a comarca»: «Coñécese mellor a alguén nunha comida ca nun análise grafolóxico»

SOCIEDAD

No programa de Voz Audiovisual trabou amizade con María José e Celia
05 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.Criminóloga, vixiante de seguridade, nai e concursante de Come a comarca. Ofelia Lema demostra a súa perseveranza neste reality gastronómico producido por Voz Audiovisual e que se emite cada martes na TVG.
-¿Como decidiu presentarse ao programa?
-Insistíronme moito. E non me ía a presentar pero xusto fun a Santiago e parei no semáforo diante do lugar onde facían as probas. Baixeime e xusto non había ninguén, porque case non tiña tempo a esperar. Foi chegar e encher.
-Pódense aplicar algún coñecementos da criminoloxía na cociña?
-Eu descubrín que a cociña reláxame e axúdame a desconectar de casos que ás veces son un pouco duros da criminoloxía. Pero ao mesmo tempo descubrín que ás veces acabo de coñecendo mellor ás persoas nunha comida ca nun análise grafolóxico, por exemplo. Penso que unha comida define máis ás persoas.
-Resultoulle difícil traballar en equipo en «Come a Comarca»?
-Non, non foi complicado. Todo o mundo me puxo as cousas moi fáciles porque eu tiña un neno de dous anos cando comecei a gravar, e foron todo facilidades. Tiven uns compañeiros fantásticos que me axudaron moito e penso que a medida que avanzaron os programas fomos creando una especie de comuñón
-Segue a ter relación con outros concursantes?
-Si, con María José e Celia sigo quedando todas as semanas, facemos unha videochamada ao día, facemos comidas. Chamábannos o trío lalalá no programa. Con Alejandro quizais un pouco menos porque xa nos queda máis lonxe. Temos unha comida pendente porque para min o Alcalde é unha diva e témoslle moito cariño todos. Pero son outros modos de vida. Pero entre as tres a amizade transcendeu o programa. Apoiámonos moito e ata temos proxectos en común.
-No programa demostrou o seu dominio co coitelo e a carne.
-Sempre fun boa cortando, porque cando marchei da casa dinme conta de que non tiña nin idea. E farteime de cortar os dedos, e dixen «eu teño que aprender». Non quería facer pratos sinxelos, quería aprender boas técnicas de cociña para poder elaborar pratos un pouco máis complexos. Fixeime moitísimo en como cortar ben as verduras e as carnes para que non me levara tanto tempo unha comida e facer as cousas ben.
-Que prato recorda con máis cariño?
-Teño dúas lembranzas moi boas de dous pratos. Un é o segundo salpicón que penso que o gañamos en Cambados, porque eu nunca fixera un salpicón e en Carballo caeunos unha chosca espectacular... (ri). Tentei aprender e ver como facían outros cociñeiros, documentarme un pouco. E gañar en Cambados foi como quitarme esa espiña. E para min foi significativo un prato de arroz que preparamos, pero porque a min encántame o arroz. De feito na casa cando alguén vén por primeira vez comer sempre din: «Hoxe hai o risotto dos invitados». É un prato que me sae moi ben. E no Come a comarca saíume moi ben cando fixemos arroz, ata me felicitaron.
-Que balance fai da súa participación en «Come a comarca»?
-Para min foi unha experiencia incrible. Tivemos unha oportunidade que non todo o mundo pode presumir de ter na vida. Vas a coñecer moitísimas comarcas, cada una delas supón coñecer profesionais marabillosos que che ensinan o seu día a día, os seus coñecementos. Os produtores métente literalmente na súa casa, abrenche as portas da casa para que aprendas do produto. Para min foi incrible coñecer dentro dunha mesma comunidade tantas maneiras que hai de vivir a cociña, os produtos que hai en toda Galicia. Dáste conta da riqueza gastronómica que temos. Vivín trece semanas inesquecibles e aprendín moitísimo.
-Vai cambiar a criminoloxía pola cociña?
-De entrada non. Sigo cociñando, facendo comidas cos amigos, ca familia e aprendendo. Agora vou mercando xoguetiños, como unha ola de cocción lenta, para ir probando, pero o proxecto de criminoloxía sempre o tiven aí, gústame desde pequeniña e quero seguir con el. Tamén colaboro con dúas axencias de publicidade, e estou triangulando así a miña vida, co meu fillo sempre no centro, que é o meu mundo.