«Come a comarca» mestura mar e terra na batalla entre O Barbanza e a Terra de Melide

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

Un momento do cociñado do equipo da Terra de Melide.
Un momento do cociñado do equipo da Terra de Melide.

TVG emite este mércores, a partir das 23.10 horas, unha nova competición gastronómica entre territorios

13 ene 2021 . Actualizado a las 19:28 h.

 Novo enfrontamento entre costa e interior na meirande competición gastronómica de Galicia. Dous novos territorios medirán as súas forzas nas cociñas de Come a comarca, este mércores a partir das 23.10 horas en Televisión de Galicia.

Esta semana o presentador do espazo, Fran Cañotas, achegarase a O Barbanza e a Terra de Melide na procura das cociñeiras e cociñeiros profesionais que representen a ámbolos dous territorios. En xogo está o prestixio de ser os abandeirados da súa terra, ademais da posibilidade de gañar un suculento premio económico. Chegar á final suporía para o equipo clasificado levar 5.000 euros. Ser o mellor de todos multiplica esa cifra por tres ata os 15.000 euros.

Para conseguilo, as formacións, de cinco profesionais dos fogóns, terán que elaborar a contrarreloxo un menú espectacular que vai misturar produtos da terra e do mar, tradición e innovación. Remolacha, porco celta ou framboesas son algúns dos ingredientes aos que haberá que dar forma. Os xefes de salgados e doces do programa, Gerson Iglesias e Manuel Garea, engadirán atrancos e retos culinarios para que o espectáculo sexa aínda maior. A elaboración da sobremesa provocará as maiores dificultades para os cociñeiros e espertará as iras de Garea. «Gústame traballar limpo e ben», chega a dicir o mestre reposteiro...

Despois do cociñado, un xurado composto por expertos en gastronomía catará a cegas os tres pratos desta degustación, decidindo sen trampa nin cartón cal é a comarca que mellor interpretou a proposta e deu co mellor sabor.

Esta semana o reclutamento dos equipos inclúe na Terra de Melide paradas en Castro Serantes, provedor de ovos campeiros; ou no Muíño de Trasmundi, que aínda moe a fariña como se facía hai máis dun século aproveitando a forza do río Catasol. No Barbanza, os espectadores poderán ver de preto en que consiste o Bou de Vara, unha arte de pesca tradicional que só se practica na ría de Arousa.

Os participantes na quinta batalla serán, polo Barbanza, Irene Amado, do Bar Lombiña en A Pobra; Verónica Sánchez, cociñeira do Pazo de Cores, de Negreira; Borja Buján, de Rianxo e á fronte de O Curro da Parra en Santiago; Luis Arijón, do Restaurante Nojira de A Pobra; e Alberto Carou, xefe do equipo barbanzán e xerente do Curral do Marqués en Rianxo. Os seus rivais de Terra de Melide estarán capitaneados por Pedro Coego, de O Recuncho do Convento. Completan o equipo o reposteiro Román Varela, da Pastelería Trisquel; José Mouriño Novita, de A Cantina de Eleu e os cociñeiros melidenses Pablo Laya e Daniel Fernández.