TVG estrea «Método criminal», a nova ficción para a noite dos domingos

h. r. REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

Protagonizada por Luís Iglesia e Miguel Canalejo estréase este domingo ás 22.30 horas

31 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Un criminal que non quere selo. Un actor en horas baixas ante o posible papel da súa vida. Así é Método criminal, a nova serie de Voz Audiovisual (produtora de ficcións como Néboa, Serramoura e A Lei de Santos) para Televisión de Galicia que se estrea este domingo ás 22.30 horas. Método criminal é unha comedia negra que comeza cando Damián Canosa, que se adica en corpo e alma a atender a empresa legal da familia, un tanatorio, ten que facerse cargo do negocio ilegal do seu pai, o narcotráfico. Pero o protagonista da historia, interpretado polo actor Miguel Canalejo, nin sabe nin está disposto a facelo. Porque o que Damián quere é que nada cambie: seguir cos seus mortiños, as súas viúvas e os seus adornos fúnebres. Segundo a súa opinión, o tráfico de drogas non precisa de alguén con empatía e sobrado de corazón.  

Hai un aspecto desta personaxe que vai ser determinante para a trama da ficción. Damián medrou vendo as series da TVG. Ten o número 73 do Xabarín Club, aprendeu de memoria todos os diálogos de Miro Pereira en Pratos Combinados; e descubriu, antes ca ninguén, quen era o asasino de Mónica Triáns en Serramoura. Pero, sen dúbida, a ficción que o marcou de por vida foi Matalobos e idolatra o personaxe de Carmelo.

A partir deste momento é cando entra en xogo o personaxe de Luís Iglesia, ao que da vida o propio actor. A súa historia en Método criminal comeza cun casting. Na ficción, a carreira de Luís Iglesia non atravesa un bo momento e está na procura do papel máis importante da súa vida. Unha superprodución galega que narra a revolta dos Irmandiños: aventura, amor, acción, unha chisca de humor e unha chea de cartos... El vai ser o escollido, se pasa o casting, porque hai outro actor, Adrián (Adrián Castiñeiras) que compite polo papel. Nese proxecto tamén participan Susana (Susana Sampedro) e Xavier (Carlos Villarino), que terán a difícil tarefa de escoller entres os dous candidatos.

Sen embargo, o verdadeiro crebacabezas para o veterano actor comeza cando se cruza no seu camiño Damián. A este, seguindo os consellos da súa muller, Sofía (María Roja), non lle queda outra que aceptar o cargo de xefe do clan dos Canosa e facerse respectar coma o seu novo líder. Con ese obxectivo busca a axuda de alguén que poida ensinarlle a ser un líder temido e respectado. Alguén carismático. Alguén como... Carmelo Matalobos. O problema é que se trata dunha personaxe de ficción. De xeito que terá que conformarse con Luís Iglesia, o actor que lle deu vida. Se foi quen de construír a personaxe na ficción, podería ser quen de ensinarlle a ser tan bravo como Carmelo na realiade. Agora, so ten que convencelo para que o axude. Pero iso xa vai ser outro cantar.

Un dos aspectos que máis chaman a atención de Método Criminal é o seu xogo coa metalinguaxe televisiva amosando o mundo audiovisual a través das personaxes e das súas tramas. A serie retroaliméntase cos paralelismos entre as personaxes e os seus intérpretes cun ton no que se busca comedia de enredo e acción, tenra por momentos, pero tamén tráxica.

Pero a pesar de que moitos intérpretes comparten nome coas súas personaxes, non hai que perder de vista que xoga dentro dos códigos da ficción.

Os actores Luis Iglesia e Miguel Canalejo encabezan o reparto da serie, no que se atopan outros intérpretes como María Roja, Sabela Arán, Alberto Rolán, David Seijo, Adrián Castiñeiras, Susana Sampedro, Carlos Villarino, Miguel Borines, Mara Sánchez, Lidia Veiga, Neves Rodríguez, Mariana Expósito, Omar Ferrín e Paloma Otero, entre outros.

A serie conta cun argumento escrito por Alberto Guntín, Lidia Fraga e Jacobo Díaz, baixo a dirección de Jorge Saavedra e Ozo Perozo.

Luís Iglesia: «Fai falta moito humor para levar os tempos que nos tocan»

h. r.

Xunto a actores como Luís Iglesia, Método criminal conta coa participación de caras moi coñecidas para os espectadores de Televisión de Galicia, como Paco Lodeiro, Alfonso Agra, Loli Gómez, Fran Cañotas ou Monti Castiñeiras, que amplían a metalinguaxe televisiva da serie.

-Que atoparán os espectadores en «Método criminal»?

-Os espectadores van atopar un cóctel de thriller e comedia negra cunha mestura de actores veteranos e outros máis novos fóra dos nosos rexistros habituais. O que está dicindo todo o mundo cando ve os avances da serie é que lles chama moito a atención e que nunca viron algo así na Televisión de Galicia. Creo que Método criminal é un produto novo e o único que necesitamos é que a xente o apoie para saber que a ruptura funciona. Ademais, creo que neste tempo fai falta moito humor, rirse moito dun mesmo para levar os tempos que nos tocan.

-En «Método criminal» interpreta a Luís Iglesia, un personaxe co que comparte pouco máis que o nome.

-Efectivamente, co personaxe Luís Iglesia comparto o nome e algúns puntos da biografía profesional porque, curiosamente, tivo a mesma carreira no audiovisual ca min [ri]. Respecto á vida familiar ou na forma en que se posiciona nese momento en concreto na vida compartimos ben pouco. Teño que dicir que hai certas anécdotas ou cousas que pasan na serie que me lembran a conversas que tiven cos guionistas, e incluso algunha expresión ou alicerce vital que podería compartir con este personaxe [ri].

-Foi moi difícil para vostede enfrontarse ao Luís Iglesia de «Método criminal»?

-Seguramente esta personaxe é da que coñecía máis da súa vida [ri]. Cando arrincamos con este proxecto lembro que dende produción executiva e dirección falábasenos do ton e de que había que ter coidado con el. Ao principio ninguén sabía cal era ese ton, pero creo que o fomos conseguindo entre todos. En Método criminal hai unha liña moi delicada entre o thriller e o humor no que se busca o sorriso permanente máis que unha gargallada momentánea.