Tito Asorey: «O sarxento Paulo Santiso ten una dobre máscara en ''Método criminal''»

H. R. REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

.

O actor asegura que a serie de Voz Audiovisual «na que a comedia aparece pola propia situación que viven as personaxes»

18 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Este domingo a partir das 22:30 horas Televisión de Galicia emite un novo episodio de Método Criminal no que o actor Tito Asorey interpreta ao sarxento Paulo Santiso

-O sarxento Paulo Santiso chegou a «Método Criminal» hai un par de episodios. Quen é esta personaxe?

-Paulo Santiso é un sarxento da Garda Civil moi profesional e moi bo no seu traballo, así como en todo o que teña que ver coa loita contra o crime organizado. Pero tamén ten unha dobre máscara, un lado que agocha unha parte máis escura e que xa fomos vendo nos anteriores episodios. Paulo é unha personaxe que utiliza todos os seus contactos no crime organizado para o seu propio beneficio e converterase nun problema moi importante para Damián e o clan dos Canosa (ri). Paréceme unha personaxe moi interesante para interpretar por esa dobre faceta que ten.

-Como foi a súa experiencia na gravación da serie?

-A verdade é que divertinme moito desde o primeiro día. Tamén foi unha maneira de volver a traballar en Voz Audiovisual que sempre é un gusto porque volver traballar co equipo co que estiven facendo Serramoura e outros proxectos durante tantos anos foi un pracer. Tamén foi moi bonito traballar co elenco da serie porque cando entrei, eles xa levaban un tempo de gravación e é moi bonito vivir o proceso que eles que tiveran de introducirte no ton deste ficción de comedia negra. A min, particularmente, a comedia negra é un xénero que me encanta. É algo moi diferente ao que fixera ata o de agora porque sempre me tocaban, en certa medida, papeis máis serios. A personaxe de Paulo, aínda que sexa serio, ten outro punto porque Método Criminal é unha serie na que a comedia aparece pola propia situación que viven as personaxes. Tamén penso que é a mellor maneira de facer comedia.

-Como valora a situación da ficción en aberto no momento actual?

-Eu creo que a ficción en aberto viviu épocas mellores. Houbo momentos nos que había moita ficción e moita ficción galega en aberto. Creo que a forza do audiovisual galego ben do que se forxou no entorno das producións de TVG e se agora temos equipos de primeiro nivel en Galicia foi resultado da aposta de TVG pola ficción galega. 

-Conta cunha longa traxectoria na dirección teatral. Que é co que máis desfruta de cada disciplina?

-Para min a dirección e a interpretación son dúas partes dun mesmo oficio. O intérprete está na liña de batalla e goza desa parte tan divertida que é xogar cos compañeiros e co equipo técnico, mesturado coa sensación de vertixe que ten a interpretación cando dan acción ou se levanta o pano. A dirección está máis encadrada nos procesos mentais. É un proceso máis longos no que o interesante para min é a posibilidade de crear mundos con novas regras, xogar con esa creación de historias e xogar cos intérpretes do outro lado. Aprendo moito da dirección interpretando e aprendo moito de interpretación dirixindo a outros actores. Por iso, para min non deixan de ser dúas partes dun mesmo conxunto.

-Nestes momentos seguen coa adaptación teatral de «Fariña» en Madrid. Como valora o éxito desta produción?

-A acollida de Fariña é destas cousas que pasa cada certo tempo e que é unha auténtica marabilla. Ademais ter a sorte de contar unha historia tan potente como é a do narcotráfico galego e de ter a oportunidade de facela sobre un escenario é algo extraordinario. Ademais tivemos a sorte de contar cun gran equipo de actores e técnicos para levala a cabo polo gran traballo que fixeron desde produción Touriñán, Nacho Carretero e Ainé Producións. O feito de facela xa foi un pracer pero é que ademáis, a acollida da xira por Galicia antes da pandemia foi espectacular na que estivemos enchendo todos os recintos, e todo o que veu despois en Madrid foi un auténtico agasallo. Primeiro estivemos un mes en setembro e agora levamos desde decembro ata maio. Eu non podo facer nada máis que agradecer ao público que está indo aos teatros a vela. Agora tamén estamos agardando a que mellore a situación para traela a Galicia e darlle unha segunda volta para compartir a montaxe con toda a xente que quedou sen vela ou que a queira volver ver. 

-Tamén foi o director da gala dos Mestre Mateo. Como se enfrontou a un reto destas características?

-A verdade é que é a primeira vez que dirixín unha gala destas características e para min supuxo un reto moi grande. Se aceptei a oferta da Academia foi polo respecto e o amor que lle teño á profesión. A miña intención foi facer unha celebración o máis positiva posible dentro deste ano tan estraño que vivimos.