Galego, un idioma afeito á chuvia

Xavier Fonseca Blanco
xavier fonseca REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

Lluvia en Santiago en una imagen de archivo
Lluvia en Santiago en una imagen de archivo PACO RODRÍGUEZ

25 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

De todos os sentidos, o olfacto é o que está máis conectado coa memoria. «A información olfactiva procésase sen filtro previo no córtex piriforme. Isto significa que mentres os outros sentidos pasan polo tálamo -onde son filtrados e procesados antes de chegar ao córtex- o olfacto non, todo vai xa organizado nun paquete con contido emocional», comenta Casto Rivadulla, do grupo Neurocom da Universidade da Coruña.

Para os galegos hai un arrecendo que se asocia inmediatamente con Galicia, o que xorde a miúdo nun día de precipitacións despois de varias xornadas de tempo seco. Este aroma ten unha facilidade extraordinaria para espertar a morriña entre quen está lonxe da comunidade. O nome científico é petricor. Procede do grego petra, que quere dicir pedra, e ikhor, que era o líquido que corría polas veas dos deuses da mitoloxía clásica. Dende os anos sesenta a comunidade científica tratou de atopar a súa orixe. No 2017 expertos do MIT (Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts) foron quen de reproducir en laboratorio a formación das pingas, que, cando impactan contra o chan, penetran no solo. Dependendo da porosidade, as pingas adquiren parte das propiedades e volven ascender formando aerosois que interactúan co aire e que logo move o vento. Esa mestura produce o petricor. Non aparece sempre que chove, senón unicamente en determinadas situacións: a precipitación ten que ser de tipo orballo e o solo debe ter certa porosidade.

A base de ver caer a auga dende o ceo, os galegos desenvolvemos unha capacidade única para captar os matices que presenta unha xornada chuviosa. Neste sentido, parecémonos aos esquimós, capaces de distinguir un centenar de cores brancas. Isto soamente pode facelo alguén que viva no polo, arrodeado de neve. O mesmo ocorre en Galicia coa chuvia: proba disto é que existen máis de cen termos para referirse a este hidrometeoro, e que foron recollidos nunha tese por Elvira Fidalgo, profesora de Filoloxía da USC. «As diferentes palabras teñen en conta a sonoridade e a súa intensidade. Así, existe por exemplo bátega, que procede do latín battuere, bater. Utilízase nun día de chaparradas que caen con forza», explica. O galego recolle a riqueza meteorolóxica da nosa comunidade.