
51 bandas e artistas son os finalistas da oitava edición dos Premios da Música, que o 27 de outubro se entregarán no Pazo da Cultura de Pontevedra
07 oct 2021 . Actualizado a las 22:36 h.O camiño cara a consolidación dunha industria musical propia e ben fundamentada é longo e duro. Pero aínda o sería moito máis sen a existencia duns galardóns que dende hai anos alentan e dan visibilidade o talento que se esforza por construír esa Galicia do presente e do futuro dende a clave do son e os escenarios. Os finalistas da oitava edición dos premios Martín Códax da Música xa están enriba da mesa. Este serán, as emblemáticas bodegas de Cambados reuniron as 51 bandas e artistas que aspiran a facerse cunhas distincións xurdidas da colaboración entre a adega e a asociación Músicas ao Vivo e debuxan unha completa radiografía do mellor que se está a facer no país.
Este mapa sonoro contén 17 categorías, dende o metal ás bandas populares, pasando polo folk e as músicas urbanas. Foron máis de catrocentos os aspirantes que presentaron as súas candidaturas. De entre eles, 51, tres por rango, pasan a esta fase final que culminará o día 27, no Pazo da Cultura de Pontevedra, coa entrega dos premios. De momento, un xurado composto pola cantante Carla Green, o músico Pablo Morán, o xornalista Carlos Crespo, o músico e programador Pepe Doré e a cantante, pianista e percusionista Diana Tarín fixo a primeira escolla. O seguinte paso está nas mans dos socios de Músicas ao Vivo, que decidirán os gañadores cos seus votos.
«Dende os nosos inicios apoiamos a cultura galega como parte da nosa identidade, e en especial a música», subliñou o presidente de Martín Códax, Xoán Allegue, orgulloso deste froito da colaboración entre os propios músicos, a iniciativa privada e institucións públicas coma o Agadic e a Deputación e o Concello de Pontevedra. «Isto demostra a fortaleza e teimosía do noso gremio, maila os paus nas rodas que se nos están a poñer», engadiu Xiana Lastra, de Músicas ao Vivo, ao dar a benvida os finalistas.
Os 51 finalistas dos premios Martín Códax da Música
- Pop e indie. A Banda da Loba, Belém Tajes e Espiño
- Rock. Loiros Soulwilde e Moon Cresta.
- Blues, funk e soul. Brais Morán, Narci Rodríguez dA Trío e Enxeito
- Metal. N.E.O., Doen e Nuada.
- Canción de autor/a. MJ Pérez, Gustavo Almeida e Tomás Porteiro
- Músicas urbanas. Wöyza, Ilmarto e Marcos de la Fuente.
- Reggae, ska e mestizaxe. Bush Doctors Band, Chow y La Diligente Reggae Band e The Skarnivals.
- Música electrónica. Allova, Cora Novoa e Xackal.
- Música clásica e contemporánea. Mateo Arnáiz, Alberto Vilas (Naialma) e Fernando Abreu.
- Jazz e músicas improvisadas. Javier Constenla Trío, David Regueiro Quartet e María Toro (Fume).
- Música tradicional. Xurxo Fernandes & Pedro Lamas, Carapaus e Pelepau.
- Música folk. Caamaño & Ameixeiras, Fiandola e Joel Padín.
- Músicas do mundo. Enclave, DOUS e Lamas/De Miguel/Romero.
- Música infantil. Chuches Amil, Concerto Punkinfantil (Brais das Hortas e Peter Punk) e Radio Bulebule (Paco Nogueiras).
- Orquestras, grupos e música de verbena. Orquestra La Ocaband, Los Camachuelos e Bafana Bafana.
- Coros e grupos vocais. Coro da Ra, Sisters In The House e Encaixe.
- Bandas de música popular. Unión Musical de Meaño, Banda de Música de Chantada e Banda de Música de Antas de Ulla.
- Proxectos de comunicación e difusión musical. O Recanto do Corcovado, Galeguiza-t e Cantámola en Galego.