Famosos e bote solidario no «Atrápame se podes» de Nadal

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

-

O concurso aparca as súas emisións habituais e programa especiais ata a noite de Reis

26 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O concurso estrela das noites da Televisión de Galicia aparcou as súas emisións habituais para entregar botes solidarios e darlle a oportunidade de concursar a famosos nos seus especiais de Nadal. Ata o próximo mércores participarán no programa Esther Estévez, Roberto Vilar, Teté Delgado, Pepe Capelán e Trisha Fernández. 

O bote solidario do Atrápame se podes edición Nadal xa está nos 2.000 euros logo de que na noite de Nadal Teté Delgado non fose quen de superar a proba do Minuto final. Da man da actriz e presentadora, o petisco solidario do día, valorado en mil euros, vaille chegar a Down Galicia, a asociación que apoia ás persoas con síndrome de Down

O bote solidario que estará en xogo no espazo deste domingo iría destinado á Fegerec, a Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas.

Nos próximos días dende o programa tamén se doarán cartos á Asociación Mirabal, de axuda a vítimas de violencia machista e axuda ao menor; á Fundación Meniños, de protección á infancia e á adolescencia; e á Federación Galega de Bancos de Alimentos.

A contía doada depende do éxito dos concursantes nas distintas probas. Nestes programas especiais introduciuse unha nova fase a maiores das que xa compoñen a emisión habitual. A chamada agora Fase das escaleiras non resulta definitiva para chegar ao bote. Un concursante resultará gañador desa fase e asegurará o petisco, pero terá que someterse á proba do Minuto final para ser quen de conseguir o bote para a asociación que corresponda ese día. 

Coa chegada de 2022 haberá máis Atrápame se podes edición Nadal. Dende o día 1 ata a noite de Reis outros cinco famosos concursarán co mesmo fin, repartir a maior cantidade de cartos posible entre distintas asociacións benéficas.