Unha serie recupera a Galicia de Ruth Matilda Anderson cen anos despois

n. a. REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

«Galicia de 20 a 20», que TVG estrea este sábado ás 19.15 horas, segue os pasos da fotógrafa

29 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A grella da TVG viaxa este sábado cen anos atrás coa estrea de Galicia de 20 a 20, unha serie documental producida por Voz Audiovisual en colaboración coa Hispanic Society of America. Desde as 19.15 horas, os espectadores poderán ver esta road movie que segue os pasos de Ruth Matilda Anderson, a fotógrafa americana que nos anos vinte do século pasado fixo unha expedición fotográfica por toda Galicia. Cen anos despois, a actriz e directora Sonia Méndez, xunto coa fotógrafa Leticia T. Blanco, viaxarán pola comunidade do presente para mirarse no espello da cámara de Anderson.

Farán un percorrido de dez etapas por todo o territorio galego no que irán actualizando as imaxes da fotógrafa americana. Para iso seguirán o seu itinerario da viaxe e poñeranse en contacto con descendentes de persoas que foron retratadas por ela, artesáns que continúan con oficios tradicionais ou xente moza que lle dá unha nova vida a estes traballos centenarios.

Tamén escoitarán historias de fotógrafas e fotógrafos de aquí. Porén trátase dunha viaxe na que conectar o noso pasado co noso presente e na que poderemos ver canto cambiamos e que cousas permanecen semellantes a hai cen anos.

O legado que a fotógrafa americana lle deixou a Galicia débese á Hispanic Society of America. O fundador desta entidade estadounidense, Archer Milton Huntington, desexaba crear unha institución adicada á cultura do mundo hispánico. Foi por iso que encargou expedicións fotográficas, sendo unha das máis relevantes a que fixo Ruth Matilda Anderson en España. Do seu paso por Galicia, entre 1924 e 1926, herdamos más de 5.200 instantáneas que a día de hoxe manteñen vivo un pasado que, doutro xeito, quedaría esquecido.

Á esquerda, interpretación actual dunha fotografía histórica de Ruth Matilda Anderson
Á esquerda, interpretación actual dunha fotografía histórica de Ruth Matilda Anderson

As guías desta viaxe

Galicia de 20 a 20 está presentado por Sonia Méndez, quen ten unha longa traxectoria no audiovisual. Sonia é unha persoa inqueda que sempre está creando e ideando. Isto xunto coa súa experiencia convértena no perfil ideal para seguir os pasos da fotógrafa en Galicia. A súa compañeira de viaxe vai ser Leticia T. Blanco. Ela é a terceira xeración de fotógrafos da súa familia e é unha apaixoada da fotografía analóxica, polo que o seu ollar e o seu don de xentes serán o complemento perfecto nesta viaxe.

O guión e a dirección da serie documental corren a cargo de Alejandro Gándara e Olaia Tubío. Ambos foron tamén os encargados de crear, guionizar e dirixir o documental Dorothé na Vila, gañador do segundo Concurso de Ideas Luisa Villalta de Proxectos Culturais Pola Igualdade da Deputación da Coruña.

Etapa 1, de Vigo a Ponteareas

A viaxe de Sonia Méndez e Leticia T. Blanco comezará en Vigo, ao igual que o fixo a de Ruth Matilda Anderson, quen chegou ao porto desta cidade no ano 1924. Actualizarán unha fotografía dunha muller que levaba un cesto na cabeza con 22 pitos e, a maiores, aproveitarán que están en Vigo para coñecer a unha pioneira da fotografía que contará como era o oficio a mediados de século.

Anderson amosou tamén un gran interese polos traxes tradicionais galegos, polo que o programa achegarase ao obradoiro de costura de Saiáns. Pasarán tamén por unha carpintaría de Ribeira que se atopa en Domaio (Moaña) e rematarán o primeiro tramo da súa viaxe nunha escola de Ponteareas fotografada hai un século.