O arousán que combate cun lapis por Ucraína xunto a Médicos sen Fronteiras e o chef José Andrés

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

SOCIEDAD

Martina Miser

David Buceta presentará e firmará este sábado en Metrópolis Comics «Paz», unha obra de banda deseñada de autoría colectiva a beneficio dos refuxiados pola invasión rusa. Guionista e ilustrador, Buceta é desde hai sete anos o maquetador de todas as series de Star Trek en España

26 nov 2022 . Actualizado a las 10:00 h.

Metrópolis Comics, a libraría especializada en banda deseñada de Vilagarcía, abrirá mañá as súas portas á causa ucraína. Desde as doce da mañá e durante o resto do seu horario de apertura sabatino, porá o seu local ao servizo de Paz. Falamos da iniciativa promovida a pasada primavera por David Braña, guionista catalán afincado desde hai anos en Vigo quen, movido polo impulso de colaborar fronte á invasión rusa, decidiu tirar da súa grande axenda de contactos no sector e construír un enxeñoso artefacto de apoio ao pobo agredido. Unha obra de banda deseñada de 116 páxinas publicada pola editorial Serendipia e impresa grazas a unha campaña de micromecenado con 29 historietas e 10 ilustracións, na que embarcou a 62 autores, como Juanjo RyP, con traballos para a Marvel ou Avatar Press, ou Kike Benlloch, un dos nomes propios daquel referente creativo en Galicia que foi o colectivo Polaqia. Os beneficios da venda dos 1.500 exemplares de Paz irán destinados ao traballo cos refuxiados ucraínos que están a desenvolver as oenegués World Central Kitchen, do chef José Andrés, dedicada a levar comida de calidade a quenes máis o precisan, e Médicos sen Fronteiras. 

Braña asinará mañá en Metrópolis Comics os exemplares de Paz a quenes se animen a compralos. Faráo xunto a un veciño de Vilagarcía, David Buceta, un dos 62 guionistas e ilustradores que respostaron á chamada do coordinador da obra. 

Con máis dunha década de traballos no mundo da banda deseñada ás costas e aquel tristemente desaparecido Sinónimos de Lucro, coidado fanzine que promoveu, coordinou e mantivo no mercado durante tres anos, David Buceta participa en Paz con Guerra, ¿qué tienes de buena? Absolutamente nada. Un título inspirado nunha canción soul de Edwin Starr para catro páxinas que, conta o seu autor: «Basicamente son unha mostra de cabreo, unha crítica aos que realmente organizan estas cousas, as guerras, que son os de arriba, e os efectos para os de abaixo. O conflito págano sempre os cidadáns, mentres os de arriba falan de patriotismo, sen arranxar nada». 

Non precisou de moito esforzo Braña para recibir o si de David Buceta a participar nunha obra colectiva que contou con 200 achegas económicas que superaron o obxectivo inicial dos 4.500 euros cos que partiu a campaña de micromecenado, chegando ata os case 6.000. Isto permitiu, conta o vilagarcián, dar o salto do formato de tapa branda a un de tapa dura e coidar máis a edición de Paz. Unha mellora máis chamada a animar a súa compra, en liña coa calidade e o interese das 29 historietas que contén, con estilos de todo tipo e tamén unha rica variedade de enfoques diferentes sobre o valor da paz por contraposición ás imaxes deformadas que devolve a mirada á súa antítese, a guerra. En clave universal, con relatos localizados en Ucraína, pero tamén na Segunda Guerra Mundial ou Vietnam, reunindo nun mesmo tomo desde creacións sobre o testemuño de superviventes ata a máis pura ciencia ficción. Un artefacto a prol das vítimas, Paz, que David Buceta anima a ler a «calquera persoa de calquera idade». Un cómic que ben parece o agasallo perfecto nestas datas para quen pense que o espírito de Nadal é cousa dos 365 días entre 25 e 25 de decembro.

O maquetador de Star Trek en España desde hai sete anos

Estudante de bacharelato artístico no instituto de Carril e de ilustración na Escola de Artes da Coruña, David Buceta levantou e mantivo en pé durante tres anos, do 2009 ao 2012, Sinónimo de Lucro. Un fanzine que destacaba pola calidade do seu formato e dos artistas que encheron as páxinas das súas sete entregas, con nomes como os de Manel Cráneo, Violeta, Mauro Entrialgo, Peter Bagge ou o propio Buceta, de cuxo enxeño naceu Vilagarcity e personaxes coma Vengador del Pollo Frito e Capitán Pepinillo. Este último, merecente do seu propio tomo en tapa branda e 100 páxinas no 2015. 

Foi nese ano no que lle cambiou a vida ao vilagarcián, que cada vez que colle o lapis o fai para cubrir todas as partes do traballo de creación dun cómic, desde o guión e o debuxo, ata o entintado. Desde o 2015, traballa para a editorial madrileña Drakul. Encantaríalle facelo como autor do seu catálogo, pero ata hoxe conténtase con facelo como maquetador. Un oficio co que se gaña a vida, pero tamén o prestixio que dá ocuparse dunha das máis grandes sagas da ciencia ficción: «Todo o que se publica de Star Trek en España pasa polas miñas mans», conta.

Buceta explica en que consiste o seu labor: «A min mándanme en formato dixital o material orixinal —dos EE.UU— e teño que darlle o formato final e axustar a rotulación para encaixar os textos que me envían traducidos ao español».

O arousán expón que se trata dun traballo técnico, cando o que o apaixona é o labor artístico, pero di que tamén lle deixa algún lugar para á alegría creativa. Como cando lle toca adaptar textos que veñen debuxados, non escritos, «ou cando tes que traballar coa composición nunha portada e podes xogar cos elementos» do universo do capitán Kirk e Spock, engade.

«Eu son máis de Star Wars que de Star Trek», confesa Buceta, se ben sinala que a base de traballar coa saga da Enterprise acabouse enganchando. O que máis sinte é coñecer o final das historias antes de velas en papel.

Tras dirixir Androide Paranoide, unha revista anual de ciencia ficción nacida no 2016 e desaparecida coa pandemia, o que lle pide hoxe o corpo a David é retomar a historia de Capitán Pepinillo. Se algún mecenas está lendo isto, que non dubide en contactar con el.