
O concurso presentado por Paco Lodeiro foi a emisión máis vista do día na TVG
26 dic 2022 . Actualizado a las 14:28 h.A TVG liderou en Galicia as emisións de Noiteboa. Foi a cadea máis vista durante o día, con un 17,7 % de audiencia no cómputo global da xornada. Estivo tres puntos por enriba de Antena 3, a segunda máis vista, que apostou por Lo mejor de cada casa e Nochebuena con tu cara me suena, acadando un 15 %. A terceira opción na comunidade foi Telecinco, que baseou a súa programación especial no programa ¡Viva la fiesta en Nochebuena!, cun 10,5 % de cuota. La 1, con Telepasión e os concertos especiais de Morat e Raphael, rexistrou un 10,4 %.
Durante o sábado, o programa máis visto da TVG foi Atrápame se podes, cun 25,5 % de cota de pantalla e unha audiencia media de 176.000 espectadores. Isto supón que unha de cada catro persoas que puxeron a televisión á hora na que se emitía escolleron o espazo presentado por Paco Lodeiro para entreterse. Estes datos o converten, ademais do espazo máis visto na canle, no programa máis visto do día en Galicia. Nesa mesma franxa horaria, estivo por enriba de Lo mejor de cada casa, en Antena 3, que foi a segunda opción na comunidade cun 16,4 % de cuota e o especia de Raphael en La 1, que acadou un 16,1 %.
O 25 de decembro, día de Nadal, Atrápame se podes, tivo unha cota de pantalla do 17,8 %, tres puntos por riba da media total que nesa xornada marcou a TVG, un 14,8 %. Superou, á mesma hora, a Secretos de familia, en Antena 3, cun 17,4 %, e a La película de la semana en La 1, cun 11 %.
O concurso máis visto da Galega contará cunha programación especial no fin do 2022. O formato despide o ano con episodios festivos nos que participan famosos da Galega, e comezará 2023 con nenas e nenos competindo nos seus icónicos chanzos.