Rodrigo Vázquez, presentador de «El Cazador»: «Hai que buscar sorrisos»

SOCIEDAD

Roberto Plaza | EUROPAPRESS

Afeccionado ao motor, á cociña e á guitarra di que non pensa trasladarse a Madrid e confésase un discípulo de Arsenio Iglesias

24 feb 2023 . Actualizado a las 12:41 h.

Rodrigo Vázquez (Ourense, 1987) ten encanto. Teno na tele e manteno na distancia curta. Dende o seu salto a Madrid está ao cargo de El cazador e Todos contra uno en TVE. Tomamos un café apresurado nun bar da Coruña do que saio convencido de que teño un novo amigo. Así as gasta este home.

—Que tal leva o cambio de Santiago a Madrid?

—Moi contento. Eu tómoo como unha especie de premio extra ao traballo de tantos anos. O máis bonito é como tanta xente foi partícipe de alcanzar esa meta. Moitos compañeiros de traballo e o público de Galicia. Hai xente que me pregunta: «Como estás en Madrid?». Coma se fose teu pai ese primeiro mes que marchas á universidade. Esa é a mellor recompensa.

E levárono a presentar o Benidorm Fest. Está de moda.

—A verdade é que é un dos eventos musicais televisivos máis importantes do ano. Os eurofáns, ademais, son un público moi esixente. Así que foi moita responsabilidade, pero un reto fantástico. Foi unha semana máxica, moi gratificante.

—Non me diga que o ano pasado no lle doeu un pouco o das Tanxugueiras.

—Aínda falei con elas hai pouco, coincidimos ás veces no tren. Eu quérolles moito e algunha mensaxe mandei por elas no seu día. Pero este ano non podía. Tiña que ser imparcial.

—No programa «El cazador» nunca dan o premio.

—Si que o damos. A xente ten que ter en conta que se está a medir cos mellores. Prepáranse como se estivesen opositando para notarios. Todos os días están lendo un libro sobre as relixións romanas ou preparando unha viaxe a Gales para ver novas especies de bolboretas ou repasando poesía do século XIX. Competir contra eles é moi complicado, pero tamén é o bonito do programa: retarse, facer equipo para conseguir unha meta máis alta. Esa mensaxe de superación e esforzo que damos no programa penso que é moi positiva.

—O outro día Paco Lodeiro [presentador do programa da TVG «Atrápame se podes»] dicía que facía non sei cantos centos de preguntas cada día.

—Non sei, pero nós somos o programa da televisión nacional onde máis preguntas se fan. Unhas duascentas por programa.

—E cantos programas fai ao día?

—Depende. O normal é que fagas tres. Pero o que máis me esixe non é o número de preguntas, senón o ritmo de lectura. Igual tes que meter 15 preguntas nun minuto. Eu son o fondo musical do programa; é moi estresante.

—Imaxino que é inevitable empatizar cos concursantes.

—Empatizas sempre. Os concursantes son o principal valor a coidar. Queremos que estean cómodos. Dá igual que gañen ou perdan, pero queremos que o pasen ben, que recorden o día que viñeron á tele.

—Algunha vez botaría as mans á cabeza con algunha resposta.

—Moitas. Lembro unha que a pregunta era: «Lo lleva el Zorro y los carnavaleros en Venecia. ¿Qué es?». A señora pensouno un pouco e dixo: «¡Marihuana!». E deume un ataque de risa que non sei nin como seguín lendo. A resposta correcta era máscara, por se hai que dicilo, pero ninguén pode descartar a marihuana, aínda que non lle demos a resposta por boa.

Pilar Canicoba

—Non se mudou a Madrid.

—De momento, non. Aquí teño as miñas raíces, os meus amigos, a miña xente. As persoas somos como plantas: depende do testo no que esteas saes dun xeito ou doutro. Na Coruña estou moi a gusto, na miña zona de confort; Santiago segue a ser a miña casa, como Ourense... Igual chega o día no que non me queda máis remedio que ir a Madrid, pero mentres poida, quedo en Galicia.

—Vostede estudou Periodismo e estivo na comunicación corporativa.

—Si, en Cortizo. Nalgún momento pensei en dedicarme a ese mundo. Logo xurdiu un programa para presentar os sábados, despois outros e xa decidín poñer todos os ovos na mesma cesta. E de momento non vai mal de todo.

—Dende que está na televisión nacional, párano máis pola rúa.

—Pode, pero non notei moito a diferenza. Aquí a xente xa me coñecía e en Madrid non fago moita vida social. Non me teño que esconder nin comer en reservados. Levo a mesma vida.

—Agora ligará máis.

—Non crea. Collo máis distancia con todo o mundo. Cos meus amigos vou ao fin do mundo, pero estar rodeado de moita xente non fai que te sintas mellor.

—Lin que lle gustan as Vespas.

—Foi algo circunstancial. Meu tío vive en Sevilla e tiña dúas motos Vespa vellas mortas de risa. E pedinllas. Teño un amigo que me restaurou unha. Meus pais, de pequeno, non me deixaron ter moto, así que lle regalei a outra Vespa a meu pai, tamén restaurada. Ir facer pequenos recados coa moto e dar un paseo pola Coruña é un gran pracer.

—E os ralis.

—O mundo do motor sempre me gustou, aínda que agora non teño tempo. Recordo ir ver o Rali de Portugal con 12 anos como unha experiencia inesquecible. Hai tempo que non vou. Algún día gustaríame ir de copiloto.

—E a guitarra.

—Pero non a toco como un músico. Úsoa como un instrumento antiestrés. Cando teño un traballo moi intenso sérveme para desconectar, aínda que sexan vinte minutos.

—E a cociña.

—Gústame moito, pero poucas veces. Esíxeme concentración e estabilízame a cabeza.

—Afeccións non lle faltan.

—Pero o que de verdade me gusta é quedar cos amigos e contar as anécdotas que nos fan graza dende hai dez anos.

—Celta ou Dépor?

—Dépor, sen dúbida.

—Sendo de Ourense, pensei que sería do Celta.

—Por que? Iso é un tópico. Cando era pequeno meu tío regaloume un traxe do Real Madrid. E meu pai, ao día seguinte, regaloume un do Barça. Eu pregunteille ao meu avó: «De que equipo teño que ser?». E contestoume que tiña que ser dun equipo de aquí, da terra. Aqueles eran os anos do Superdépor, así que son discípulo de Arsenio. Sempre que podo, vou velo.

—Como é vostede en poucas palabras?

—Son galego e un tipo normal.

—Unha canción.

Rock ‘N’ Roll Star, de Oasis. É unha canción que me poño nos momentos importantes, nos big games.

—O máis importante na vida.

—A saúde, pero tamén creo que para atopar a felicidade a xente que tes ao redor ten que ser feliz. Se ves sorrisos, ti tamén vas sorrir. Hai que buscar sorrisos.