The Rapants, Fillas de Cassandra, Galician Army e Futuro Alcalde foron algúns dos artistas da comunidade que actuaron no escenario de O Monte do Gozo
17 jun 2023 . Actualizado a las 18:53 h.Actúan a primeira hora da tarde, cando o sol cae directo sobre o Monte do Gozo. Ás catro, as cinco ou as seis, o recinto de O Son do Camiño aínda non completou a súa capacidade. Pese a non ser multitude, os mais madrugadores son os mais fieis. Na primeira xornada, o foso estivo cheo no concerto de The Rapants con centos de persoas cantando iso de: «Perdín o avión a Barcelona». Na segunda, as reivindicacións feministas de Fillas de Cassandra soaron con centos de mulleres entre o público como altofalante. Os grupos galegos non representan a maioría no cartel, pero si unha excepción que convence a aqueles que, por esperar aos internacionais de última hora da noite fronte ao escenario, descobren unha nova sonoridade.
«Dar concertos en salas é mais punki. Os festivais son para lucirse, para chegar a xente que aínda non te coñece», explica Xanma, guitarra de The Rapants. O grupo atende a este medio ao rematar o seu concerto en O Son do Camiño. Déronse de conta que, mentres tocaban, algunhas das persoas situadas en primeira fila esperaban aos artistas da noite. Neste caso, a Eladio Carrión e a Bizarrap. O que non sabían era que o seu directo enérxico e divertido capturou tamén a estes amantes do reguetón. «Descubrimos a The Rapants, algo muy distinto a lo que solemos escuchar. No los conocíamos y nos encantaron», confesaba una moza que asistiu ao seu concerto para coller sitio para os de despois.
Por algo son o grupo de moda do verán. Os de Muros acaban de sacar O corasón como un after, disco que os levará a percorrer gran parte dos festivais galegos. «Nosotros compramos el abono de los tres días solo para ver a The Rapants», chanceaban outros mozos nas inmediacións do recinto. «Ver a acollida é brutal», continúa Xaquín, o batería, que cree fundamental o paso polos festivais para que «a xente te coñeza». «Por exemplo, aquí conviven moitos xéneros. Alguén que é fan de Maluma non viría a un dos nosos concertos, ampliamos moito o alcance», continúa.
Comparten o posto de «revelación» da tempada con Fillas de Cassandra. Este dúo composto por Sara Faro e María Soa mestura as bases da música tradicional galega con elementos electrónicos que «abren un abanico de posibilidades». Tras o seu concerto en O Son do Camiño, fan unha aproximación sobre o número de festivais aos que acudirán este verán: uns corenta. Relacionan o seu éxito ao «boca a orella» e a conexión que pode sentir o seu público coas reivindicacións das súas letras.
«Dalgún xeito, o que fai o noso disco é reescribir a mitoloxía clásica desde unha perspectiva feminista e actual. Dicimos que é conceptual porque ten esa estrutura circular de comezar revisando a historia para rematar suxirindo que ao final estase a reescribir porque. As que estamos facendo música agora estamos a cumprir esa función», explica Sara. «o final a música é unha parte moi importante que ten unha mensaxe por si soa, pero poñerlle estas letras pensamos que lle da moita forza», continúa María.
Síntense parte dunha escena na que os artistas se apoian entre si. Comparten a opinión con The Rapants, que no dubidan en subliñar a calidade dos músicos galegos e ata chancear cunha nova «movida». Xaquín fai referencia a todos eses artistas emerxentes. Entre eles está Futuro Alcalde, alias que empregan os composteláns Fernando e Marisa para crear as súas cancións. Aínda que non lles gusta poñerse etiquetas, defínense como un novo «punk», o que para eles significa «non ter nin idea de música pero intentar facela». Segundo Marisa, «algo que sirve tanto para bailar como para morrear». O de O Son do Camiño é o seu sexto concerto. Comezaron o proxecto fai un ano. «Es una locura pensar que la misma gente que nos está haciendo caso a nosotros también está pendiente de The Kooks», explica Fernando.