Un dos últimos campaneiros de Galicia: «Non é o mesmo tocar a morto que a incendio»

M. Guntín / M. Fernández A FONSAGRADA / LA VOZ

SOCIEDAD

Foto Manuel

Julio López Fernández toca dende A Fonsagrada muiñeiras e xotas, ademais de defuntos que varían en función de se o finado é home ou muller

06 ago 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Entre as montañas e vales da Fonsagrada, na zona máis oriental da provincia de Lugo, vive Julio López Fernández. Aos seus 66 anos, pode presumir de ser un dos derradeiros campaneiros en activo de Galicia. «Cando tiña 13 anos xa tocaba as campás perfectamente», presume o lucense.

Julio vive en As Pozas, unha aldea que está a 10 kilómetros do núcleo urbano do concello fonsagradino. Aprendeu a tocar as campás cando aínda era un neno, e vivía na Pobra de Burón. «Había un cura maior que me insistiu porque sabía que de cativo eu xa andaba tocando con gaiteiros. El díxome que se sabía tocar o tambor podía tocar as campás tamén. Animoume e collinlle o gusto ao tema», conta Julio. Comezou entón unha paixón que sigue viva a día de hoxe. Pero este lucense é consciente de que xa non quedan campaneiros na comunidade, e tampouco fóra dela: «Agora todo cambiou, tampouco me chaman para ir tocar ás igrexas», di con mágoa.

Julio López viviu en León durante 20 anos, onde estivo traballando nas minas. Xubilouse antes de tempo con 44 anos e decidiu volver á súa terra, xunto coa súa muller e os seus fillos. Agora este matrimonio vive en As Pozas, na parroquia do Trobo (A Fonsagrada). «Cando vivía en León e viña de vacacións, coincidía que había procesións e sempre acudía tocar as campás porque me chamaba un cura que xa faleceu, e que se encargaba de deseñarme o percorrido».

Coma se fose pouco o traballo que tiña, Julio tamén participou en orquestras e pequenos grupos musicais, labrando así a súa traxectoria musical. A súa é unha familia de artistas, polo que a súa vocación de campaneiro herdouna no sangue.

De cativo, a súa obsesión era mirar para outros músicos e gardar sitio na primeira fila das orquestras. «Facía baterías con latas e ao día seguinte de ir a unha romaría xa estaba intentando imitar as mesmas cancións que soaran. A batería é o exemplo dun instrumento sempre me encantou», di moi convencido.

Julio na Igrexa de Santa María do Trobo, que lle dá nome á parroquia
Julio na Igrexa de Santa María do Trobo, que lle dá nome á parroquia FOTO MANUEL

Non hai rapaces para aprender

Sen embargo, o seu legado non continuará: «Non lle ensinei a ninguén porque ninguén quixo aprender a tocar as campás, basicamente», asegura.

Non hai nada mellor para entender o oficio do campaneiro que escoitar e ver a Julio en directo e sobre o seu terreo. Xotas e muiñeiras para acompañar as procesións, toques a defunto que varían en función de se o finado é home ou muller, toques a incendio... «Ata hai un toque para o momento de enterrar a alguén na terra que é moito máis apresurado. A morto é un golpe só e máis illado. Tocar a femia, cando a que morreu é unha muller, implica que a campá pequena soe antes que a grande e a macho, no caso de que o finado sexa home, fai que sexa ao revés e comece coa campá máis grande», conta Julio.

«Agora non hai xente e polo tanto, non hai vida»

Ata hai pouco, este lucense recibía chamadas para tocar con motivo dos defuntos polas distintas parroquias das montañas que están a cabalo entre Galicia e Asturias. «Empezaba a tocar cando o coche fúnebre chegaba ao cemiterio. Antigamente, tamén se tocaba a véspera. Agora diso xa non queda nada», relata con pesar.

Julio, que vive na montaña de Lugo, sabe moi ben de que vai iso da despoboamento, e tamén fala das aldeas baleiras e do que desprenden: «Non hai xente e polo tanto, non hai vida», exclama.

«Para tocar, hai que saber»

«Antes había moita xente que tocaba as campás e aínda que a morto toca calquera, para facer o demais hai que saber», relata Julio, que tamén explica que sempre hai dúas campás, macho e femia, que son as que permiten o xogo de sons.

No día a día, este xubilado pasa o tempo na súa pequena horta e coas súas colmeas. Gozando da paz da montaña da Fonsagrada, tamén se dedica a dar paseos pola natureza e, de cando en vez, sae a pescar e cazar.

Baterías, campás, frautas, harmónicas... Nada se lle resiste a Julio, que leva a música no sangue e pensa seguir tocando «ata que o corpo aguante».