










A cabalo de tres concellos de Lugo transcorre unha ruta lineal que protagonizan bosques e paisaxes. É unha homenaxe ao autor de «Debezos», o primeiro poemario publicado en galego trala Guerra Civil
18 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.«Un paisaxe verdecente,
árbres, toxos e fientos;
un fatado de ovelliñas
herbas e brotos pacendo.
Os paxaros
nas ponlas, cantando ledos
as cantígas
que leva o sereo vento (...)».
Baixo o nome de ‘Paisaxe’, este poema escrito por Avelino Díaz (A Órrea, 1897, Bos Aires, 1971) ben podería ser unha descrición do roteiro inspirado na súa figura, que transcorre entre regatos e poemas, atravesando os concellos lucenses de Riotorto, Meira e A Pastoriza.
Durante os 10 quilómetros polos que discorre esta ruta lineal, que están sinalizados con postes de madeira e poden facerse a pé ou en bicicleta, as paisaxes sucédense á par dos poemas de Avelino, que é o autor de Debezos, o primeiro poemario publicado en galego trala Guerra Civil.
El, que cultivou todos os xéneros poéticos, é o protagonista dunha ruta de dificultade media-baixa que comeza na Órrea, no concello de Riotorto, a 400 metros de altitude sobre o nivel do mar. Empeza entón un camiño centenario que os mirandeses facían dúas veces ao mes para ir á feira de Meira e que ademais une a casa natal de Avelino co lugar no que viviu, xa en Meira. Os primeiros 700 metros transitan a través das casas de Travesa e o río Mourín, un afluente do Eo.
Chega entón a Pena da Abelleira, e comeza un ascenso dun quilómetro e medio a través das colinas de Formigueiro, onde o bosque autóctono convive coas plantacións de pinos e eucaliptos. Despois, na Fonte da Pascua, o traxecto permite gozar da paisaxe característica desta zona da montaña de Lugo, situada entre os vales que separan A Mariña do centro da provincia.
O roteiro tamén atravesa as Fontes da Cabana e dúas regas para despois comezar a subida ata a cima de Xuncás, a 650 metros de altitude, en plena Serra de Meira. Dende alí avístanse as ladeiras que pechan a Terra Chá. Despois atravesa pequenos núcleos de poboación que, ademais de vivos, amosan pequenos rabaños de ovellas ao fondo dos vales, tal e como describía Avelino nos seus poemas.
O roteiro sae da casa na que naceu o artista, na Órrea, e chega, xa no treito final, ao lugar no que pasou parte da súa infancia e xuventude. Remata, finalmente, na Praza do Convento, en pleno centro de Meira. A duración aproximada é de tres horas.
O roteiro Avelino Díaz tamén ten unha variante infantil. Baixo o nome ‘Andainas con Avelino’, percorre os arredores de Meira parando en lugares citados polo autor.
Esta ruta é froito do traballo da Asociación Cultural Avelino Díaz, que leva anos dando a coñecer a súa obra. Encargouse tamén de sinalizar o percorrido, ademais de dinamizalo con actividades.
Como chegar
Dende a N-640, no quilómetro 50 hai que xirar á dereita pola LU-P-5505, cara a Órrea. A 50 metros, á man dereita, comeza a ruta
Información
O roteiro ten 10 quilómetros de lonxitude, que se fan en tres horas. É de dificultade media-baixa