Poesía musicada e foliada para abrir o festival EmigraSon en Bruxelas

Javier Becerra
Javier Becerra BRUXELAS / ENVIADO ESPECIAL

SOCIEDAD

O dúo Aldaolao actuando no Instituto Cervantes de Bruxelas.
O dúo Aldaolao actuando no Instituto Cervantes de Bruxelas. Javier Becerra

Lucía Aldao e María Lado foron as encargadas de inaugurar a cita máis galega da capital comunitaria

09 mar 2024 . Actualizado a las 16:13 h.

«Encántanos celebrar o día da muller traballadora traballando aquí». Dicíao Lucía Aldao, metade de Aldaolado, o dúo poético musical que conforma coa súa compañeira María Lado. Ambas foron as responsables de inaugurar a segunda edición do festival EmigraSon, que ten lugar esta fin de semana en Bruxelas. Impulsado por emigrantes galegos que pretenden manter viva a chama da súa cultura, reúne diferentes propostas da música que se fai hoxe en día en Galicia. A de Aldaolado encantou no Instituto Cervantes, que se encheu para gozar das súas reivindicacións regadas de humor. Tal é así que nunha mesma peza poden pasar de cantar liña de bingo máis aló do posible a rematar, en modo canción protesta, pedíndolle a Paco Ibáñez que se faga lesbiana.

Tralo seu paso, o movemento trasladouse ao Centro García Lorca. Alí tiña lugar a gran foliada con Alumea, unha formación folclórica domiciliada en Bélxica que leva 30 anos reivindicando a música tradicional, tocándoa e bailándoa por toda Europa. Diante dun público novo —de entre 20 e 30 anos— converteron en son e movemento todo ese discurso, contaxiando a unha audiencia que, aos poucos, fundiuse na súa proposta ata levitar nunha eufórica felicidade de corazóns flotando entre gaitas, pandeiretas e pés descontrolados.

Despois de percorrer o lugar dunha esquina á outra, cederon o foco aos dj’s do festival. Estes estableceron unha curiosa mestura dese novo pop galego e urbano —soando desde o Diego Tristán de Boyanka Kostova a Oliveira dos cen anos de C. Tangana— con músicas latinas. O espazo converteuse nunha gran discoteca na que se escoitaron todos os acentos galegos. E tamén os de españois doutros lugares da Península atraídos por esta festa universal, pero con denominación de orixe.

Na segunda xornada do evento tomarán o protagonismo The Rapants, Catuxa Salom, Ataque Escampe, Lontreira e Grande Amore. Un abanico plural que serve como fotografía da creación sonora actual en Galicia. Un clic, iso si, feito a 1.800 quilómetros. Coa mesma nitidez, pero cun extra de emotividade: o de a emigración.