Unha Celestina moderna chega na recta final de «Saudade de ti» en TVG

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

A nai de Santi, interpretada pola actriz Ana Santos, vai ter unha peculiar relación con Mauri
A nai de Santi, interpretada pola actriz Ana Santos, vai ter unha peculiar relación con Mauri

A nai de Santi vaise entremeter na relación amorosa entre Celia e o enfermeiro

20 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A terceira temporada de Saudade de ti (este martes, en TVG ás 22.35 horas) entra na súa recta final coa chegada de Chelo, a nai de Santi, que vai cambiar o rumbo do triángulo amoroso formado polos protagonistas da serie. Este novo personaxe vai estar interpretado por Ana Santos. A actriz de Mazaricos é ben coñecida polos espectadores da Televisión de Galicia desde que interpretou o papel de Pitusa en Mareas vivas. Despois tamén participou noutras series de éxito producidas por Voz Audiovisual, como As leis de Celavella ou Padre Casares. Agora chega a Abrente para dar vida a Chelo e a comedia está asegurada. 

Mauri, un galán inesperado

A nai de Santi é unha señora moi amable e educada que Mauri acolle con hospitalidade na súa casa, encantado de ter a alguén da súa idade con quen falar. O problema é que Chelo non tarda en insinuarse ao seu anfitrión, a pesar de que en teoría é unha muller felizmente casada.

Un matrimonio en perigo

Os pais de Santi están a pasar por unha grave crise de parella porque Chelo descubriu que o seu marido lle foi infiel coa súa mellor amiga. Santi non pode crer que seu pai traizoase á súa nai, porque el sempre os viu moi namorados e como un exemplo de parella que se quere. O enfermeiro terá que afondar no asunto con delicadeza, para tratar de salvar o matrimonio dos seus pais. En caso contrario, tal vez podería acabar convertido no fillastro de Mauri.

Unha muller baixo sospeita

Ao tratar de reconciliar aos seus pais, Santi tamén vai ter que render contas sobre a súa vida amorosa. O problema é que, durante a súa excedencia, Santi refuxiouse na casa dos seus pai. Alí o enfermeiro desafogou todas as súa penas e lle contou a súa nai o que houbo entre el e Celia. Desde entón, para Chelo a doutora Eiroa é a muller que rompeu o corazón do seu fillo. Por suposto, non quere que se achegue de novo a ela e, baixo ningún concepto, vai permitir que Santi volva namorarse de Celia.

Unha intoxicación moi oportuna

Os movementos de terras ocasionados polas obras no porto van contaminar o abastecemento de auga de Abrente, provocando graves intoxicacións entre os veciños. Isto fará que a nai de Santi, enfermeira xubilada, se vexa obrigada a botarlle unha man á doutora Eiroa no centro de saúde.

Compañeiras e amigas?

Traballar man a man nunha situación tan complicada fará que Chelo coñeza moito mellor a Celia. Ata o punto de que a nai de Santi non só vai mudar a súa negativa opinión sobre a doutora Eiroa, senón que vai comprender porque o seu fillo estivo e segue namorado dela. Deste xeito, Chelo vaise converter na súa principal valedora. Mesmo chegará a intervir para que Santi entenda que o amor que sente por Celia merece unha segunda oportunidade. Así, a inesperada visita de Chelo será un empurrón para que o enfermeiro se achegue a Celia con renovadas esperanzas. As circunstancias persoais dos dous parecen propicias para que poidan darse unha oportunidade e iniciar unha relación romántica. Con todo, os corazóns rotos non son doados de curar e algunhas feridas aínda semellan abertas.