Este luns chega á Televisión de Galicia «Historias de aquí»

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

Mañá ás 23.15 horas, o programa emite un documental ficcionado adicado á Escola Naval de Marín

01 sep 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Este luns, ás 23.15 horas, a Televisión de Galicia estrea Historias de aquí cun documental ficcionado sobre a Escola Naval de Marín. Este episodio marca o arranque da emisión desta docuserie composta por varios casos, os cales se poderán ver tódolos luns despois do Atrápame se podes, chanzo arriba.

Historias de aquí fusiona o documental e a ficción para brindar unha perspectiva única sobre acontecementos, personaxes e fitos que deixaron una pegada imborrable na memoria colectiva dos galegos. En cada caso as voces dos expertos e protagonistas enlazan cunha ficción que as complementa e lles aporta un enfoque distinto.

As historias que se poden atopar nesta docuficción van dende accidentes aéreos como o de Montrove ou afundimentos como o do Mar Exeo a episodios que brindan oportunidades únicas aos espectadores como é a de achegarse ao interior de institucións tan relevantes como a Escola Naval de Marín.

A armada española ten unha tradición secular e dende 1943 é parte da historia de Marín. Os futuros oficiais deixan de ser civís cando cruzan as portas da Escola. A súa preparación consiste en compaxinar os estudos de enxeñaría mecánica coa instrución militar.

Neste episodio de Historias de aquí os espectadores poderán escoitar a testemuña dos oficiais e presenciar a súa estrita formación.

No plano da ficción, Historias de aquí relatará como é o día a día na Escola dende a perspectiva de Xiana, unha alumna ficticia que acaba de ser admitida. Durante o primeiro ano os alumnos aprenden os valores da vida militar. A práctica céntrase na instrución naval e inclúe actividades como o simulador de barco, tácticas de combate ou saídas á ría de Pontevedra en barcos de vela. A través de Xiana, os espectadores terán a posibilidade de vivir en primeira persoa a esixencia á que os futuros oficiais da armada española se teñen que enfrontar para poder acadar a graduación desexada.

Ademais da súa emisión na Televisión de Galicia, os casos de Historias de aquí tamén se poden ver en AGalega, a plataforma dixital de contidos da CRTVG.