A Televisión de Galicia renova a grella no seu corenta aniversario

la voz REDACCIÓN

SOCIEDAD

TVG

Chegan concursos con retos no mar e no xardín, un novo «magazine» matinal e un programa cun médico moi especial

13 sep 2024 . Actualizado a las 09:46 h.

A Televisión de Galicia renova a súa programación no seu corenta aniversario sen renunciar a algúns dos seus espazos clásicos. A presentación será este sábado no espazo Cantando as 40, que será emitido en directo desde Vigo.

A temporada comeza con novidades en todos os tramos horarios. A TVG estrea novo magazine matinal: O termómetro, presentado por Rocío Delgado e Bernardo Montaña. Pola tarde, os espectadores poderán seguir contando no Quen anda aí con Roberto Vilar e Eva Iglesias. Na fin de semana chega o concurso Gaña a túa aldea, que descubrirá quen é o que máis sabe das comarcas de Galicia.

A semana comeza coa estrea da terceira temporada de Operación Marea Negra na noite dos luns, precedida por Historias de aquí, serie documental sobre acontecementos, personaxes históricos e fitos que deixaron pegada memoria colectiva dos galegos. Entre os temas tratados, Os sen nome, sobre o accidente aéreo de Montrove en 1973, Os 9 aneis de Santo Estevo e O Mar Exeo.

As noites dos martes serán para Quero un xardín, onde un equipo de expertos se enfronta ao reto de darlles unha nova vida a espazos verdes que semellan irrecuperables. Os mércores volve a música con A liga dos cantantes extraordinarios, que contará cun novo xurado: Antón Reixa. Os xoves, Land Rober Tunai Show non falla á súa cita en directo, con Roberto Vilar, Eva Iglesias e Miguel Canalejo á fronte. Os venres seguen sendo para Luar, con Xosé Ramón Gayoso e Esther Estévez.

Bamboleo segue nas noites dos sábados con Lucía Regueiro, e os domingos chegan máis novidades da man de Pesca total, no que seis concursantes competirán para converterse en mariñeiros. Despois vén Curando o mundo, coas experiencias do médico Diego González Rivas arredor do mundo.

E antes de todas estas novidades do prime time, o Atrápame se podes, con Paco Lodeiro, seguirá fiel á súa cita cos concursantes máis sabios de Galicia, que continúa conquistando audiencia.

Nesta temporada do corenta aniversario haberá aínda máis novidades. A TVG está preparando a produción do concurso reality O salvaxe. Tamén estreará a adaptación do formato da BBC Hit List para ver quen sabe máis de música en Galicia, e unha nova serie de ficción, A coral, con Carlos Blanco na pel do director dunha coral especial.

A primeira hora tamén haberá novidades. De sete a oito da mañá, emitirase pola TVG en directo o Galicia por diante da Radio Galega. E no Telexornal serán estará unha das novas caras da canle: o xornalista Pablo Muñoz.