María Cabaleiro: «Antes había quen pensaba que, se tocabas unha 'Amanita muscaria', che caían os dedos»

ana f. cuba AS PONTES / LA VOZ

SOCIEDAD

CEDIDA

É de Tui, ten 31 anos e graduouse en Bioloxía na Universidade de Vigo, onde se doutorou baixo a dirección de Marisa Castro

20 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A traxectoria de María Cabaleiro Alfaya (Tui, 31 anos) vén darlle a razón á súa mentora, Marisa Castro, que afirmaba hai uns anos neste periódico que «as cabezas máis potentes da micoloxía en España son femininas». Logo de graduarse en Bioloxía na UVigo e cursar o máster do profesorado, coa idea de meterse no mundo do ensino, Cabaleiro Alfaya acabou no laboratorio de Micoloxía que fundara Castro e na iniciativa empresarial que montou asociada ao grupo de investigación da universidade, MycoGalicia Plantae. «Aí empecei a estar máis en contacto co mundo dos cogomelos, e aí apareceu a liña da miña tese, a etnomicoloxía, a rama da micoloxía que estuda a relación do ser humano cos cogomelos», explica.

Etnomicoloxía do noroeste ibérico, Galicia e norte de Portugal é o título da tese que defendeu en marzo, logo de seis anos de traballo —«alongouse por mor da covid»—, e que presentou en público, por primeira vez, este venres na vila das Pontes, dentro das xornadas Terra de Cogomelos. Estudou os vínculos da cultura galega e do norte de Portugal con estes organismos, máis aló da taxonomía, a identificación e os aproveitamentos das distintas especies. O resultado é a primeira tese que aborda esta temática en Galicia, España e no resto do mundo. «Si hai artigos sobre etnomicoloxía, sobre todo en América do Sur, onde nace esta ciencia, pero teses como tal non atopamos ningunha —si de etnobotánica— na Península e en Galicia», sinala. A primeira tese sobre micoloxía en Galicia data do ano 1980, realizada polo veterinario madrileño Mariano García Rollán. Despois chegou a de Luís Freire, e máis tarde a da luguesa Marisa Castro.

Cabaleiro Alfaya indagou sobre a relación dos galegos cos cogomelos, «ata onde se puido ir cara a atrás, para ver se era inexistente, como se dicía, porque sempre se fala que non se consumían por medo». A investigación rachou cos prexuízos: «No noso territorio houbo consumo e tamén usos medicinais, domésticos... Atopamos bastantes cousas para un territorio que, aparentemente, non tiña nada que ver cos cogomelos, e non tiña tan mala relación, ou non era algo xeneralizado, vai por zonas».

Menos consumo na costa

Nas áreas costeiras detectou un maior rexeitamento destes organismos «por medo» ca no interior, «onde houbo consumo e existe unha tradición, polo menos na parte gastronómica, quizais porque non tiñan opción de saír ao mar para obter recursos alimentarios e os fungos eran unha fonte de alimentación válida». Os usos medicinais esténdense por todo o territorio, tanto onde se consumían coma onde non. «Por exemplo —relata—, os pos que botan os peidos de lobo (Lycoperdon perlatum) cando os apertas empregábanse como pos de talco, para as rozaduras, nas feridas, para parar hemorraxias... como se usaba a cinza». Ou o cornecho do centeo, Claviceps purpurea, «que tivo moita relevancia en Galicia polas súas propiedades farmacolóxicas, pola farmacéutica Zeltia, á que llo vendía nos anos cincuenta a xente que o apañaba nos campos de centeo; foi tremenda a súa influencia».

A doutora incide «nos medos curiosos que sentía a xente, non a intoxicarse, senón mesmo a tocar os cogomelos, coma o testemuño que di que, se tocabas unha Amanita muscaria, che ían caer os dedos; é o caso máis esaxerado que vin». Aínda hai a quen lle chama a atención que alguén roce un cogomelo. «Na tese tivemos que facer moito equilibrio ao recoller esa parte de superstición e os datos reais de consumo e os diferentes usos», revela. A nivel culinario, a especie favorita para os galegos, «desde a antigüidade», sería a Macrolepiota procera, coñecida como «mazarrote, choupín, có gordo... Ten máis de sesenta nomes populares só en Galicia, iso implica un uso e un coñecemento».

As denominacións definen a relación da xente cunha especie: «Hai nomes apreciativos e desprezativos... Á Amanita phalloides chamábaselle pan do demo ou pan das bruxas, era como dicir: “Iso non o toques, perigo”». A ligazón da autora desta primeira tese sobre etnomicoloxía co mundo dos fungos remóntase á infancia, cando saía ao monte con seus pais: «Tería uns oito anos; eles formáronse en cursos e inculcáronme a prudencia, non empezamos a recoller ata que tivemos claro que especies eran as boas e como identificalas».

O papel da divulgación

Agora, ela compaxina o labor docente no programa de maiores da UVigo, ao que tamén chegou da man de Marisa Castro, cun máster de administración de empresas, e coa formación e a divulgación a través de MycoGalicia Plantae, a empresa fundada por Castro para «ensinarlle á xente a identificar e cultivar cogomelos e outras plantas, cunha rama de asesoría para persoas que queren producir no seu monte ou crear coutos micolóxicos (máis orientada aos propietarios), ou proxectos particulares relacionados con cogomelos e plantas. E outra rama de investigación, máis experimental (máis parada nos últimos anos), que intenta facer estudos de taxonomía, de identificación de plantas, cogomelos e liques».

Cabaleiro Alfaya aínda non ten claro o seu camiño. Gustaríalle continuar coa carreira investigadora, «pero o proceso é complicado», e está á expectativa de poder conseguir unha beca pos-doutoral, que a levaría fóra por algún tempo. Iso si, sen deixar de lado a faceta de divulgadora.