Carlos Xesús Varela e Xoán Babarro, premios Folgueira á dignificación do galego
SOCIEDAD
A entrega dos galardóns na segunda edición destes premios terá lugar en Castropol
02 nov 2024 . Actualizado a las 11:28 h.Os Premios Folgueira celebran a súa segunda edición para distinguir ás persoas, institucións ou iniciativas polo seu traballo na dignificación do galego en Asturias. Neste 2024, os dous premios son para Carlos Xesús Varela Aenlle e Xoán Babarro González.
O primeiro deles é o autor do Dicionario del galego de Asturias, unha obra que recolle definicións e o contexto do uso adecuado, ademais de ditos, refráns, frases feitas e máis variantes do idioma nesta área. Esta peza é o resultado de dez anos de traballo de Varela. Pola súa contribución á conservación, pervivencia e futuro do galego en Asturias, ademas do propio compromiso do autor e asúa defensa da cultura da Asturias galegofalante, a organización dos premios concédelles este ano un Folgueira.
Pola súa banda, Babarro é homenaxeado polos seus traballos na delimitación, caracterización e situación sociolingüística do galego de Asturias. O profesor elaborou a súa tese de doutoramento sobre o galego de Asturias xunto a Francisco Fernández Rei na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela no ano 1994, un traballo que foi ademais publicado pola Fundación Pedro Barrié de la Maza no ano 2003. Babarro é, tamén, un dos autores das primeiras Normas Ortográficas del galego de Asturias, publicadas pola Mesa prá Defensa del Galego de Asturias en 1990.
Cada un deles recibirá unha folgueira, elaborada polo ceramista castropolense Xabier Cancio, en recoñecemento e agradecemento ao seu labor. Na edición anterior, os premiados foron o artista multidisciplinar Rodrigo Cuevas e Benigno Fernández Braña, histórico loitador polos dereitos lingüísticos dos falantes do gallego-asturiano.
Os galardóns, organizados pola asociación para a normalización do galego en Asturias Axuntar, entregaranse nunha gala este sábado ás 17.00 horas na Casa da Cultura de Castropol. No acto presentarase tamén o III Informe sobre a lingua del Eo-Navia.