O «reality» da TVG «Salvaxe» e «Historias de aquí», premiados polo público de AGalega.gal

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

Fernanda Tabarés, directora de Voz Audiovisual, recolle o premio por «Salvaxe»
Fernanda Tabarés, directora de Voz Audiovisual, recolle o premio por «Salvaxe» TVG

A plataforma dixital da Televisión de Galicia celebra o seu primeiro aniversario con preto de dous millóns de usuarios e máis de once millóns de páxinas vistas

07 mar 2025 . Actualizado a las 10:06 h.

O concurso Salvaxe e o ciclo de documentais Historias de aquí, ambos producidos por Voz Audiovisual, recolleron este xoves dous dos premios AGalega.gal, entregados no transcurso dunha gala celebrada na sede da TVG en San Marcos e cos que a corporación celebra o primeiro aniversario deste servizo dixital. O público da plataforma da canle autonómica escolleu os seus once programas e contidos favoritos.

Case 14.000 votos decidiron os gañadores en once apartados nas tres plataformas AGalega.gal, AGalegaAudio.gal e Xabarín.

Na categoría de «Para ver cos amigos», o premio foi para o concurso de aventura Salvaxe e na de «Para saber máis de nós», para o ciclo de documentais Historias de aquí.

Na categoría de «Para poñer na clase» gañou a webserie documental San Simón, colonia penitenciaria; na de «Para ver no bus», o programa divulgativo sobre a historia de Galicia Contando historias; na de «Para desconectar», a serie A coral; na de «Mellor microserie», a webserie E logo, quen foi; na de «Viva a diversidade», o programa divulgativo Sexo con senso, sobre educación afectivo-sexual; na de «Orgullo friki», a sección anime desta plataforma dixital; na de «A serie da túa vida», o clásico Pratos combinados; na de «Mellor serie galega de Xabarin.gal», Os bolechas: Historia de Galicia; e na de «Mellor pódcast de AGalegaAudio.gal», para as pezas sonoras sobre deseño galego Movendo marcos.

Entre as tres plataformas gratuitas de AGalega.gal, AGalegaAudio.gal e Xabarin.gal, a cifra de usuarios chega xa preto dos dous millóns e supera os once millóns de páxinas vistas. En total, actualmente conta con máis de 27.000 contidos dispoñibles a demanda, a maior oferta de produccións en galego do mundo.

No seu primeiro ano de actividade, AGalega.gal situouse entre as dez plataformas máis vistas de España.