«Historias de aquí», unha inmersión aos nosos momentos máis fascinantes

g. vázquez REDACCIÓN / LA VOZ

TELEVISIÓN

Recreación do voo de Aviaco que se estrelou en Montrove en 1973
Recreación do voo de Aviaco que se estrelou en Montrove en 1973 Voz Audiovisual

Documental e ficción mestúranse na docuserie dispoñible en agalega.gal

25 feb 2024 . Actualizado a las 15:11 h.

Un tráxico accidente aéreo que tivo lugar en plena ditadura, unha noite de festa en Compostela que acabou da peor maneira, un desastre marítimo ou unha lenda en torno a uns aneis máxicos que se volve máis real que nunca. Eses son só algún dos temas que recupera da memoria de Galicia «Historias de aquí». Esta docuserie, producida por Voz Audiovisual, mestura documental clásico e ficción para trasladar ao espectador aos feitos de diferentes maneiras.

«Historias de aquí» naceu o 17 de xaneiro coa estrea de agalega.gal, a plataforma dixital de contidos da CRTVG. «As ficcións podemos empregalas dentro dos capítulos de moitas formas. Pode servir, por exemplo, para recrear momentos que xa non podemos reproducir», asegura Marcos Nine, director do proxecto. Iso é precisamente o que sucede no primeiro episodio. «Os sen nome» fai un emocionante relato do accidente aéreo que tivo lugar en Montrove, Oleiros, en 1973. Botando man dun gran traballo de documentación, os propios veciños e outras testemuñas directas narran o impacto que tivo nas súas vidas unha catástrofe que deixou 85 vítimas. «Juan José e Luisa, que xa eran veciños daquel pequeno Montrove, contan o medo que se vive ante semellante feito. Son feitos que contan os que saen en cámara, pero tamén os que nos achegaron datos no traballo previo», explica. A estas testemuñas reais hai que sumarlle a detallada recreación que se fixo do que se viviu dentro do avión ou, botando man da caixa negra, das últimas conversas que mantiveron o piloto e a torre de control.

Ademais, dende hai uns días, «Historias de aquí» conta xa cun novo episodio, «Viaxe á fin da noite santiaguesa», dispoñible en agalega.gal. Unha historia que ten que ver coa Compostela de principios dos 90 e a súa explosión universitaria. «Usamos a bomba na discoteca Clangor coma un elemento simbólico do cambio de época, da transición política á idade moderna», di Nine.

Os actores protagonistas de «Viaxe á fin da noite santiaguesa»
Os actores protagonistas de «Viaxe á fin da noite santiaguesa» Voz Audiovisual

No caso deste feito, que tivo lugar o 11 de outubro de 1990, a docuserie mergulla ao espectador naquela noite da capital de Galicia e nos momentos de gozo do mítico local. A narración da realidade vai da man daqueles que foron vítimas deste suceso, que deixou tres falecidos e medio centenar de feridos. Desde os sanitarios que atenderon aquel primeiro caos, aos feridos, pasando por algunha das persoas que mellor coñecían aos falecidos.

Cada relato de «Historias de aquí» consta de dous episodios de trinta minutos e vai seguir tratando todo tipo de feitos. Nas próximas semanas terá lugar a estrea de «Os nove aneis de Santo Estevo», a historia de como en Ribas de Sil levan séculos agochando un tesouro, nove aneis máxicos con propiedades curativas. Unha lenda que se converteu en parte en real despois do descubrimento de catro deses aneis, que agora son obxecto de estudo por parte do CSIC. «Neste caso podemos xogar coa idea da realidade e da ficción e en como se constrúe o relato histórico que nunha parte ten moito de lendario. Empregamos a ficción en cada capítulo de distintas maneiras».

O equipo técnico, de redacción, guión, produción e montaxe do programa está xa a traballar en novos temas. Dende a catástrofe do Mar Exeo na Coruña e o auténtico fenómeno cultural e social que supuxo a Movida de Vigo nos 80 ata a historia da orde dos Miguelianos de Oia e as consecuencias que tivo. «O formato é atemporal, son episodios que poden perdurar e, co tempo, poden darnos un arquivo autobiográfico de Galicia coma pobo», sentenza Marcos Nine.

Diego Valeiras
Diego Valeiras ANGEL MANSO

Diego Valeiras, director de arte: «O noso traballo é intentar chegar ao máximo rigor posible»

B. P. L.

Diego Valeiras é o encargado do vestiario e a dirección de arte de Historias de aquí. Para recrear a época do caso abordado en cada programa, o artista e o seu equipo fan unha intensa labor de búsqueda de material que compran ou producen para manter o máximo rigor posible.

—¿Como se documentan para cada recreación?

—Traballamos sobre todo con fontes fotográficas, arquivos de prensa ou fotografías persoais. Penso en como era a época, como se vestían, como eran as paredes, os mobles... Se nos remontamos máis atrás do único que podes tirar é de fontes pictóricas.

—¿Que foi o máis complicado deste proxecto?

—Ten as súas complexidades porque somos un equipo pequeno, pero moi efectivo. Estamos levando o programa a terreos moi potentes. O primeiro programa trata sobre o accidente aéreo de Aviaco en A Coruña de 1973. Devolver á vida esa época era un reto que nos obrigaba a buscar unha cabina de avión que puidésemos transformar nunha similar á de entón. Tamén saber cal era o uniforme de Aviaco, a súa tipografía, que cores utilizaban nese momento. Moita xente pensa que Aviaco era azul, pero se o miramos con rigor histórico vemos que hasta que foi absorbido por Iberia os logotipos non eran azuis, senón granates. Para o seguinte programa, do atentado de Clangor nos anos noventa, buscar a roupa foi moi curioso, porque moitas cousas daquela época volveron estar de moda. As tendas de segunda man, e mesmo a miña empresa de alquiler de vestiario, temos unha cantidade de roupa dos noventa brutal. E de repente viamos xente de figuración que viña vestida da súa casa e que practicamente podíamos poñela no ano noventa coa súa propia roupa. Hai cousas que podes comprar nunha tenda e que, cun par de transformacións, poden pasar por roupa de época. O seguinte programa vai ser sobre os aneis de Santo Estevo de Ribas de Sil e nel a complexidade está en vestir aos monxes. Se te pos a investigar ves que son monxes benedictinos da orde de Salamanca e a súa indumentaria ten que ter unha característica moi específica. O noso traballo é intentar chegar ao máximo rigor posible para que nada choque. Unha das cousas malas da miña profesión é que cando fas ben o teu traballo ninguén o sabe pero cando o fas mal entérase todo o mundo. Se eu poño, por exemplo, calquera tipo de monxe haberá xente que se dará conta de que en realidade non vestían dese xeito. Temos que facer moi ben o noso traballo para que o que vexas en pantalla sexa verosimil, te leve a outra realidade e te meta na historia que estás construíndo.

—¿Como se recreou a cabina do avión de Aviaco?

—O modelo do avión, un Caravelle de fabricación francesa, xa non existe. Atopar un desas características é moi complexo. O que fixemos foi, por un lado, ver como eran os avións internamente, o tipo de ventanillas que tiñan... O modelo co que traballamos é un simulador de azafatas relativamente moderno, pero fixemos uns poucos axustes, coma os repousacabezas, vestir toda a cabina e recuperar os mobles que levaban as azafatas, como eran os platos, os cubertos metálicos que desapareceron tralo 11S. Outra cuestión que tivemos que reflexar a través do vestiario foi quen podía viaxar en avión no ano 73. Tivemos que poñer a xente elegante e ben vestida, ter en conta que era verán... Todo ten unha complexidade que non se ve, pero está aí detrás. O único uniforme orixinal de Aviaco que queda está nun museo en Málaga. Non puidemos conseguilo e tivemos que facer unha recreación a través de vestiario moi parecido. As azafatas vestían traxes moi chamativos de estética setenteira. Tendo o modelo fixemos algo parecido e eu creo que o resultado é bastante crible.

—¿Como axuda esta dramatización de apoio a poñer en contexto a historia?

—O que fas a través da ficción é situar ao espectador directamente naquelo que che están contando e facendo revivir. Non é o mesmo que teñas un documental que che fale do accidente aéreo a que ti te vexas dentro do avión cando ascende, cando descende, as veces que intentou aterrar, o nerviosismo dos pasaxeiros. Ao final hai unha empatía que che axuda a vivilo máis que se fose un mero documental. Ese tipo de formatos, ao ter unha parte de ficción, axuda a que como espectador te adentres na historia e que chegues a empatizar coas persoas entrevistadas. Intentamos tratar coa maior pulcritude e exactitude aqueles datos que foron verídicos precisamente porque o noso traballo é documentar e contar o que pasou.