«Lume», a nova serie da TVG con Cristina Castaño

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

Os protagonistas da serie «Lume», na súa preestrea en Vigo
Os protagonistas da serie «Lume», na súa preestrea en Vigo XOÁN CARLOS GIL

31 may 2025 . Actualizado a las 09:11 h.

Televisión de Galicia presentou este venres en primicia a súa nova serie de ficción Lume, no marco dos Festival Internacional de Series Ría de Vigo. Ao evento asistiron os protagonistas, Cristina Castaño, Isabel Naveira e Xúlio Abonjo e a súa directora, Giselle Llanjo. Trátase dun thriller xornalístico con fondo social e ecolóxico composto por seis capítulos, que chegará o vindeiro 20 de xuño á TVG e a HBO Max. É unha coprodución galego-portuguesa entre a canle pública galega e a RTP, co apoio do Agadic, da productora galega Setemedia e da lusa Coral Vision Europa, na parte privada.

Lume está rodada en galego e portugués e narra a historia de Lucía (Cristina Castaño), unha xornalista galega asentada en Lisboa que regresa á súa localidade natal tras un devastador incendio forestal. Convencida de que o lume non foi accidental, inicia unha investigación que revelará unha rede de intereses económicos e políticos vinculados aos incendios, que porán en risco a súa vida. O actor portugués Albano Jerónimo acompaña a Castaño no elenco, xunto a intérpretes galegos como Alfonso Agra, Xúlio Abonjo e Isabel Naveira.

A serie, que combina drama, suspense e unha potente mensaxe ambiental, destaca pola súa narrativa intensa e pola beleza dos escenarios da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, que funcionan como un personaxe máis da historia. A música é obra da compositora galega Carme Rodríguez.

«Alianzas internacionais»

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, interveu durante a presentación do pase especial de onte facendo fincapé no «lugar privilexiado» no que se sitúa actualmente Galicia en canto á realización de series para televisión e plataformas, «con producións lideradas polas empresas do país capaces de establecer alianzas estratéxicas internacionais, de estar na oferta das principais plataformas baixo demanda e de acadar premios e recoñecementos nos máis prestixiosos foros e festivais dentro e fóra de España».