
A primeira serie rodada nas linguas cooficiais do Estado presentouse no OUFF
03 oct 2025 . Actualizado a las 13:23 h.Pensión incompleta, a primeira serie que se rodará nas linguas cooficiais do Estado, xa está en plena rodaxe. Os equipos de produción atópanse esta semana en Cataluña, onde se gravará parte desta ficción, mentres que a próxima semana está previsto que continúen con ese labor en Galicia. O plan de rodaxe establece que o elenco desta coprodución das televisións autonómicas TVG, EITB e 3CAT e da produtora galega Voz Audiovisual, estea presente en Ferrol, San Andrés de Teixido e Cambre. Tamén contempla que a Ribeira Sacra aporte a súa beleza para varias localizacións exteriores.
A serie foi presentada onte na nova sección Xanela do festival de cine de Ourense (OUFF). Fernanda Tabarés, directora de Voz Audiovisual, indicou que Pensión incompleta ten «ese ADN que é a diversidade, que convivamos tanto o equipo artístico como o técnico das tres nacionalidades históricas, que cada un fale o seu idioma propio, pero que despois haxa un común como é o castelán. Como a vida mesma, como transcorre na nosa convivencia». Tabarés considera que este é un «bo momento» para dar vida a un proxecto deste tipo, porque a audiencia xa está madura para desfrutar dun produto en catro linguas diferentes. De feito sinalou que unha das prioridades dos produtores foi que se emitira en versión orixinal.
Na presentación da serie no marco do OUFF tamén estivo Montse Besada, xefa de contidos da TVG. Explicou que a rodaxe que comezou no hospital de Sant Pau, de Barcelona, se desenvolverá principalmente en Galicia. Subliñou que a proposta xurdiu desde a televisión autonómica galega e que a previsión que manexan é que se estree de forma conxunta nas tres televisións públicas autonómicas ao longo do 2026 e tamén nas súas plataformas dixitais. «Queremos poñer en valor a diversidade lingüística deste país e dos nosos territorios», sinalou.
A serie conta cun cásting coral no que figuran, entre outros, os intérpretes Ane Gabarain, Joseba Paolaza, Luis Iglesia María Costas ou Manuel San Martín. Esa visión global tamén chegará da man dun equipo de guionistas formado por Sergio Campo (EITB), Lidia Fraga (TVG) e Mercé Sarrias (TV3).
Comedia de seis episodios
«Entendemos que foi todo un acerto elixir a comedia para este proxecto nas catro linguas oficiais», explicou onte en Ourense Fernanda Tabarés. Pensión incompleta é unha comedia de seis episodios, cunha duración de 45 minutos cada un, de roubos con humor, intriga e protagonistas de máis de 65 anos. A ficción parte dun grupo de viaxeiros do Imserso que se ven envoltos nunha serie de roubos de obras de arte. A súa viaxe conecta territorios de Galicia, País Vasco e Cataluña ao tempo que se vai desenvolvendo unha trama centrada neses sucesos vinculados ao patrimonio cultural das tres comunidades involucradas no proxecto. Antes do seu paso polo OUFF, a serie das tres canles públicas autonómicas foi presentada no Festival de Vitoria.