Roberto Vilar: «Imos manter a esencia do «Land Rober», que é un éxito grazas á xente»

Mónica Pérez
Mónica Pérez REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

O presentador de «Land Rober» Roberto Vilar.
O presentador de «Land Rober» Roberto Vilar.

O presentador comeza unha nova etapa a partir do próximo luns 10

06 nov 2025 . Actualizado a las 15:04 h.

O showman lucense Roberto Vilar (1971, Xove) afronta con nervios e moita ilusión a nova etapa do seu programa, Land Rober, que hoxe se emite por derradeira vez semanalmente na Televisión de Galicia. A partir do vindeiro 10 de novembro, o Land Rober pasa a ser diario, de luns a xoves, e a emitirse entre as 22.00 e as 23.00 horas. Así, pasa a competir en audiencia contra La revuelta, que David Broncano presenta en La 1, e El hormiguero, con Pablo Motos en Antena 3.

«Hoxe é o día máis importante da historia do noso pequeniño programa», dicía emocionado o pasado xoves, cando o comunicou no programa. O presentador está estes días ultimando todos os detalles para a estrea do Land Rober diario.

—Despois de quince anos, «Land Rober» dá o salto á emisión diaria. Como viviu este anuncio?

—O xoves, cando o anunciei, é aí, cando llo dis ao público, cando te dás conta da dimensión do cambio. Nós levamos 15 anos, vai para 16, facendo un programa á semana, pero o salto é tremendo, pasar de facer un á semana a catro. É verdade que agora vai durar unha hora, pero hai que crealo. O máis difícil da comedia é inventala. Non me estou queixando, que para min isto é unha marabilla e un reto. Pero, realmente, cando o dixen no programa emocioneime. Pareceume, por poñerche unha metáfora, como se tivera un fillo e marchara para a universidade ou se licenciara.

—Que nos pode adiantar de como será o «Land Rober» diario?

—No Land Rober diario temos que manter a esencia do Land Rober, que leva 15 anos funcionando moi ben. Grazas sempre á xenerosidade e a fidelidade do espectador. Imos manter a esencia, os sketchs, que somos o único programa que queda en España que fai sketchs. Pero é verdade que ao ser diario nos permite facer cousas máis distintas. Imos buscar un colaborador ou colaboradora diferente cada día para que o programa sexa máis variado. Eva, evidentemente, estará todos os días comigo. Imos tentar facer un programa máis divertido, máis áxil e no que pasen máis cousas, a ver se o conseguimos.

—A esencia do «Land Rober» manterase entón.

O Land Rober ten unha esencia que, ao final, somos os que o facemos e o público que o fai. A xente vai ver o Land Rober de sempre e algo máis.

—Vai ter cousas en común con «La revuelta» e «El hormiguero»?

Seguro, seguro, seguro. Por que? Porque son moi bos. Tanto La revuelta como El hormiguero son dous grandísimos programas. E, como dicía Steve Jobs, «nunca me perdoaría non copiar unha idea boa». Entón nós, na nosa humildade, se vemos cousas que nos gustan e que eles fan moi ben, imos intentar seguir ese camiño, co noso estilo e coas nosas cousas. Estamos moi orgullosos de competir contra dous programas tan bos. E tamén a min me fai especial ilusión que a Televisión de Galicia sexa a primeira cadea autonómica que poña un programa máis ou menos parecido a eses a competir con eles. Que competir tampouco é a palabra exacta. Todo o mundo sabe que son programas de calidade e de talento. E imos tentar que co noso pase o mesmo. Que teña calidade e que teña talento, iso é o que buscamos. E esa é tamén a aposta da TVG.

—É seguidor dalgún deles? Cal prefire?

—Son admirador dos dous. El hormiguero ten un mérito brutal, levan 3.000 programas e seguen sendo líderes de audiencia. Eu teño moi boa relación tanto con Pablo como con David. E o que están facendo en La revuelta é unha revolución que ao resto dos que facemos televisión tamén nos fai reflexionar e ver por onde vai isto. Gústanme e son admirador dos dous e véxoos de vez en cando.

—Ponlle respecto saír á mesma hora que eses dous programas?

—Claro, neste negocio de saír diante do público tes medo sempre. Non che vou dicir que máis, pero sempre tes medo. A que non funcione, a que non guste, a que a cousa non vaia como ti pensas... Pero ao mesmo tempo tamén é bonito. É bonito estar aí na casa dos galegos e das galegas todos os días unha horiña cada noite.

—O programa será con público como todos estes anos.

—Este proxecto do Land Rober diario só se pode afrontar grazas ao público. Grazas a que temos xente para vir de público todos os días. É a base do éxito do Land Rober, o público, a xente. A min segue parándome xente pola rúa preguntándome cando pode ir de público e como hai que facer. Grazas a iso imos meter case mil persoas cada semana nun plató. Iso é espectacular.

—Seguirá contando co mesmo equipo a partir do luns?

—Non me chegarían dúas semanas para contar todo o que vai pasar. Vai haber colaboradores novos, diarios, invitado sorpresa. Queremos que apareza moita más xente. Pero de momento non podemos anunciar nada. Queremos que a xente vexa a televisión sorprendéndose, que é algo que cada vez pasa menos e é algo que fai moi ben David Broncano, e hai que recoñecerllo. A min gústame poñerme diante da televisión e que me sorprendan.

Hai moita expectación con esta noticia, como van os nervios?

—Pois non estaba nervioso ata esta pregunta [ri]. Estou nervioso, e aínda faltan días. A estrea é o luns, pero teño confianza en min mesmo de ser capaz  de desfrutalo, confío nesta capacidade miña para desfrutalo.

—Roberto Vilar fixo célebres frase como «Hai que ser legales» ou «A cabeza non para». Como leva escoitar pola rúa frases súas?

—É moi gratificante, o que pasa é que só ás veces sucede. E antes era máis fácil porque había menos emisores. Agora con tantos medios e tanta emisión hai tanta información que é moi difícil que alguén se quede con algo máis alá dunha semana ou dúas. Pero é moi gratificante a maneira que temos de facer televisión os de Land Rober vela replicada mesmo noutros sitios fóra de Galicia. É moi bonito.

—Non sei cal é o segredo, e se se pode contar, desa conexión tan forte que ten co público.

—Non teño nin idea, evidentemente. Pero agardo que sexa porque eu son un deles, que nacín nunha aldea e me criei alí cos velliños. Tiven unha vida moi parecida á da maioría da xente que me ve na Televisión de Galicia. E iso é unha sorte para min. Penso que iso é parte do éxito, e que non sei facer outra cousa [ri].