O tradutor que fixo que «Emily in Paris» se entenda en galego

Paulino Vilasoa Boo
P. VILASOA REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

Abraham Díaz López, ganador de la mejor subtitulación en gallego por «Emily in Paris»
Abraham Díaz López, ganador de la mejor subtitulación en gallego por «Emily in Paris» Ángel Manso

Abraham Díaz gañou o premio ATRAE polos seus subtítulos para a serie de Netflix

30 nov 2025 . Actualizado a las 15:24 h.

O tradutor Abraham Díaz tiña un reto considerable coa subtitulación ao galego da cuarta tempada de Emily in Paris. Un desafío que superou con nota, como demostra o premio que lle vén de entregar a Asociación de Traducción y Adaptación Audiovisual de España (ATRAE) nas Palmas de Gran Canaria.

A serie de Netflix, que relata as peripecias da rapaza estadounidense interpretada por Lily Collins tras mudarse á cidade do amor, tiña complexidades dabondo. O primeiro desafío pasaba por adaptar os choques lingüísticos dos que se alimenta boa parte do guión. «Xoga moito cos equívocos, coas situacións do idioma», explica Díaz sobre a principal dificultade, a de «conservar os xogos de palabras cando ela non se decata». Tamén era obrigado replicar a xerga propia do entorno no que se move a protagonista, cargada de expresións coloquiais ou de neoloxismos. «Intento poñer frases feitas en galego, expresións coloquiais da rúa», indica, «algo que ao mellor non esperas ver nuns subtítulos máis neutros».

O outro gran reto tiña que ver co propio xénero da serie, a comedia. «Non é simplemente transmitir o significado, senón conseguir que ao lector lle siga a facer graza», sinala.

Fotograma de «Emily in Paris» con los subtítulos en gallego.
Fotograma de «Emily in Paris» con los subtítulos en gallego. NETFLIX

No extremo oposto está o outro traballo en galego premiado, pola mellor tradución e adaptación para dobraxe. Foi obra da tradutora Rosa Camiña xunto ao actor e director de dobraxe Antón Rubal para a miniserie da BBC Des, protagonizada por David Tennant e que narra a detención do asasino en serie londiniense dos años 80 Dennis Nilsen. «Tiña que ter unha expresión moi contida, con certo distanciamento, pero ao mesmo tempo ten que lle chegar emocionalmente ao espectador», subliña Camiña sobre un dos aspectos que había de ter en conta, como tamén o era acomodar o rexistro ao galego que se falaba na década na que se ambientaba a acción.

A ameaza da postedición

Son eses pequenos e grandes matices, que varían entre producións e mesmo dentro delas, dun personaxe a outro, os que definen unha tradución sobresaínte, na que o contexto da imaxe éo todo. Unha minuciosidade que ambos os dous coinciden que só poden acadar os seres humanos. «Todo isto non o pode facer unha máquina», destaca Camiña sobre a presión crecente das intermediarias entre tradutores e empresas audiovisuais para incorporaren a intelixencia artificial no proceso.

Esa foi precisamente a gran reivindicación da gala dos ATRAE. Por medio da campaña Por una traducción humana reclaman pór en valor a tarefa dos tradutores e denuncian o auxe da postedición, é dicir, usar ferramentas de IA para realizar una tradución e contratar posteriormente un profesional que arranxe os erros, pagándolles unha tarifa moito menor que pola tradución completa. Pero o de arranxar é un dicir, porque, na práctica, supón empezar de cero, segundo aclaran.

«La máquina comete errores que un humano jamás cometería», reprocha Iris Permuy, presidenta de ATRAE ao explicar que, por mor de a que a IA non é máis que unha xeradora de textos a través de modelos estatísticos, reproduce moitos prexuízos. «En un documental sobre biología marina, se identificó a una persona, que en inglés era scientist, con adjetivos masculinos, cuando en la imagen era claramente mujer», pon como clarificador exemplo. Pero hainos máis sutís, e polo tanto menos doados de detectar, que fan que sexa igual ou mesmo máis traballoso que traducir desde o principio.

«Hai certo interese por impoñer a postedición, e o problema é que pensan que só hai que cambiar catro cousiñas, pero non», asegura Abraham Díaz, que persoalmente rexeita eses traballos. En parte, porque a menor competencia na tradución ao galego deixa marxe a unha certa resistencia. «Coa obriga do 6 % na lei audiovisual para subtitular e traducir ás linguas cooficiais, e aínda que nalgunhas aínda falta para chegar a esa porcentaxe, os tradutores a galego paliamos un pouco esa crise», indica.

No caso do español, pola contra, está cada vez máis á orde do día. «Una de las empresas más grandes de trabajo audiovisual anunció hace tres años que se pasaba a la postedición, pero manteniendo las tarifas a los traductores», conta Permuy sobre o que lles fixo a moitos profesionais aceptaren. «Un año después, las redujeron un 30 %». Unha especie de trampa da intermediaria para probar o sistema e verificar que non había queixas por parte dos usuarios ou non eran o suficientemente importantes. Aínda que en ocasións si que as houbo. «Acordémonos de El juego del calamar, cuando la gente se quejó en masa por la traducción automática», recorda Permuy sobre o caso máis famoso que forzou a Netflix a recuar.

O obxectivo con isto é abaratar custos e sacar máis ganancias, pero só para uns poucos. «No beneficia a distribuidoras ni plataformas; solo a las intermediarias, que se quedan con un porcentaje mayor, y a las empresas tecnológicas», denuncia Permuy. Moito menos ben lles fai ás condicións dos profesionais, que ven máis precarizada a súa situación.

O reto agora está en conseguir o apoio das administracións e en concienciar os usuarios e o sector. «Creo que ás veces as propias axencias non son conscientes do produto mediocre que están a implantar», reflexiona Díaz, «porque cando lles dis os erros, ás veces quédanse sorprendidos».

Ao mesmo tempo, tamén piden maior transparencia. «El consumidor de las plataformas tiene derecho a saber por lo que está pagando, especialmente ahora que no paran de subir las tarifas», exige Permuy, «no puedes engañar a la gente haciéndoles creer que consumen un producto que ha pasado por manos humanas cuando no».