«Os escritores galegos deberían ver 'Luar'»

REDACCIÓN A CORUÑA

TELEVISIÓN

SERIE FOTOGRÁFICA DE WEBCAM

Manuel Rivas respondeu no «chat» de La Voz a cuestións expostas desde lugares como Nova York, Alemaña, Irlanda ou Portugal É, con palabras de Eduardo Pondal, un dos homes «bos e xenerosos» do país. A súa vida é a literatura («escribir é para min unha liberación») pero O''Rivas é tamén un fenómeno sociolóxico. Unha mostra disto último foi o «chatero» (a leria) que mantivo onte na edición dixital de La Voz de Galicia. Máis de 200 preguntas feitas por xentes que viven en San Francisco ou Bruxelas, pasando por Alemaña, Portugal e Irlanda, e que querían saber opinións sobre literatura, pero tamén sobre o urbanismo da Coruña, a lei de estranxeiría, a sustitución de Fraga, se Ana Kiro chegará a Conselleira de Cultura ou da «literatura verde» de Greenpace.

21 jun 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Manuel Rivas empregou hora e media de chateo en respostar a cuestións literarias. Pensa cada pregunta, lamenta non poder respostar esta e aquela e dedica largas respostas a cada un dos seus «queridos rostros invisibles». -¿Quen son, en galego, os seus escritores preferidos? -Álvaro Mutis sempre presenta aos seus colegas colombianos dicindo: «Este é un dos cinco mil mellores escritores...» O que hai que cuestionar na literatura, de feito ese é un dos contrapuntos que a fai atractiva, é a idea de competencia como se fose un derby de cabalos. A literatura é para compartir. Ben, disculpade o rollo. Tendo en conta esta miña idea da literatura, tamén estou disposto a comprometerme e sinalar preferencias: Rosalía de Castro (esa mezcla de subxectivismo e paisaxe, Galicia como unha paisaxe emocional), os relatos de Castelao (Cousas e Retrincos), de Rafael Dieste Dos arquivos do trasno... Os poemas vangardistas de Manuel Antonio mais tamén os poetas da montaña como Noriega ou Iglesia Alvariño... Xa non podo parar... ¡Vedes como hai cinco mil, sen contar os vivos!... -No país de «Luar», ¿é posible literatura de calidade? -¡Como non! A cultura de calidade pode darse mesmo no quinto inferno. Luar pode ser criticado pero é o que é e non pretende ser outra cousa. É a verbena da Aldea Global. Un popurri transgalaico. A cultura popular foi dalgunha forma transformada e canibalizada polo mundo mediático, xa dende a difusión do cine, da radio e da televisión. Pero hai unha sentimentalidade e uns valores niso que se deu en chamar Subcultura. Aconsellaría aos escritores galegos que viran Luar. Os informativos da TVG non, que estropean o estilo con tanta servidume ao que manda. -¿Que dúas condicións debe ter un bo escritor? -A primeira, escoitar o ruxe-ruxe do mundo. Escoitar o que se escribe ou está escrito no aire polas xentes do común. E a outra condición amar a liberdade, levar dentro un anarquista que non sexa escravo de ningún amo. -¿Vese coa responsabilidade histórica de escribir a gran novela galega? -Grandes novelas na literatura galega xa existen. Penso que a reiteración desta cuestión reflexa un certo complexo de inferioridade. Unha grande novela non se programa. Non podes ir polo mundo como aquel personaxe de Eça que ía escribir un libro que nunca escribiu, pero proclamaba: «¡Vai ser a biblia!». O que hai que facer é aprender sempre e que cada libro, como diría o bolero, saia do corazón. -¿Gústalle o que fai? -Escribir é para min unha liberación. E penso que o primeiro compromiso do escritor é precisamente ese: o escribir. O que non me gusta nadiña é a arañeira que hai ao arredor, o mundo das croquetas e as relacións públicas. Cando non podes evitar algún compromiso deste tipo, póñome a cantar a de Manu Chao «Me llaman el desaparecido...» ¡E procuro desaparecer!