Medra o uso da linga galega na «literatura» que rodea ós mortos

RODRI GARCÍA A CORUÑA

TELEVISIÓN

XAIME F. RAMALLAL

Un libro recolle as curiosidades de esquelas, recordatorios e lápidas dos camposantos «Perdonen que no me levante». Iso queren ler algúns na tumba de Groucho Marx, nunha expresión moi propia do personaxe; mágoa que non sexa certa. Nas lápidas das tumbas están escritas historias como a que se pode ler no cemiterio de Ourense: «Quedan suprimidas tódalas homenaxes postmorten porque as cousas ou se fan ó seu tempo ou non se fan». O 18 de xaneiro de 1890 publicouse en Lugo a primeira esquela en galego e nos últimos anos o uso da lingua vernácula en lápidas e recordatorios vai a máis.

03 nov 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

Na Longa noite de pedra, Celso Emilio escribiu: «Quero morrer eiquí./ Ser sementado nesta miña bisbarra./ Pousar eiquí pra sempre as miñas azas». Este é un dos textos recollidos no libro Esquelas e lápidas en galego, publicado por Tres C Tres e do que son autores Xesús Ferro Roibal, María Xesús Anido Silvosa e Carmen Lamela Villaravid. Esta publicación, na que colabora a Consellería de Cultura, forma parte da campaña Galegos de por vida, un movimento integrado por persoas defensoras de que cando morran «todo o relativo ó seu funeral e enterro, incluidas esquela e lápida se as houbera, se realice exclusivamente en galego». Os autores do libro explican que en Galicia a esquela é algo ríxido, con datos cronolóxicos, familiares e litúrxicos, semellantes as de Portugal, donde teñen a curiosidade de que levan foto do finado. Funeral o 32 de febreiro O libro recolle varios tipos de esquelas e recordatorios como o que despois do nome da morta di: «Faleceu na súa casa de Roxos-Villestro o día 31 de febreiro de 1996 ós 103 anos de idade». Por si foran poucos os 31 días de febreiro o erro repítese, e auméntase, na nota na que a familia «agradece a tódolos amigos que nos acompañaron no funeral e enterro do pasado día 32 de febreiro a proba que nos deron de amizade e solidariedade». Apuntan os autores do libro, non sin certa sorna, que nas lápidas é frecuente que «o número de letras sexa inversamente proporcional á importancia que o defunto acadou en vida». Unha mostra está no cemiterio de San Amaro, na Coruña, nunha tumba no chan poder leerse: «Aquí jaz o cantor da raza galega Eduardo Pondal. Finou en VIII de marzo». No mesmo camposanto figuran textos que expresan desexos: «¡Ay quen fora como Fenix!/ Pra renascere nas cinzas/ E vivir eternamente/ na miña terra querida» ou historias de amor tan fortes que tentan sobrevivir á morte como a de Juana de Vega que ten na súa tumba o corazón do seu home, o xeneral Espoz y Mina. Aínda que a maioría das tumbas teñen textos relixiosos («Na vida e na morte todos somos de Deus»), non faltan lemas laicos como «Cada vez que floreza a camelia saberemos que volveches outra vez» ou este máis sentido suscrito por dous nenos: «Avoíño querido, sigue cantándonos cantigas antes de adormecernos, desde esa Estrella lucente onde ficas ti agora. Ata hoxe á noitiña, coma sempre».