O libro de Rosalía de Castro abre con «Sempre en Galiza» a Biblioteca Galega 120 na entrega do Día de Reis
02 ene 2002 . Actualizado a las 06:00 h.Chama-se clásico un libro que se configura como equivalente do universo, a semellanza dos antigos talismáns:esta definición, de Italo Calvino, acomoda-se perfeitamente a Follas Novas, obra capital de Rosalia e matriz de toda a literatura galega posterior. Non é intercambiábel con nengunha outra, porque tematiza esteticamente o principal dos sentimentos, dos conflitos, das dúbidas e das aspiracións do ser humano. Subxectividade feminina Este exercício fai-se desde unha subxectividade feminina que resgata todas as mulleres da excentricidade imposta, para facé-las protagonistas, centro, da Humanidade. E fai-no unha muller galega, librepensadora, filósofa, poeta, que pagou cara a sua transgresión, o seu atrevimento. O empeño de Rosalia por consolidar unha arte nacional acada aqui o seu cume, nunha travesia que vai do imediato psicolóxico á máis aguda problemática histórica do seu povo, tocando terra en determinacións relixiosas, morais, políticas e económicas que premen sobre a existéncia de todos os eu de que a poeta é portavoz: as mulleres; o povo traballador; os emigrantes; os estranxeiros na sua pátria. Non ten parangón esta obra con nengunha similar das literaturas europeas do seu tempo. Follas Novas precisa dun(ha) leitor-a novo-a, aquel-a disposto-a a reconciliar-se co país, coñecendo-o na sua história, no valor da sua literatura e na epopeia dunha muller como Rosalia, primeira feminista da Galiza e portavoz megafónica do seu povo. A sua «actualidade manifesta» (Francisco Rodríguez) provén de que todos os problemas que ela levantou seguen en pé: relacións homes-mulleres; situación da Galiza na España e no mundo; presión dunha moral segregadora e alienante; antagonismos de clase; direito ao libre pensamento e á libre criación; existéncia digna para todos os indivíduos e todos os povos...