O gañador desta primeira edición foi o pontevedrés Basilio Lourenço que recibiu onte en Compostela o galardón A entrega do galardón da primeira edición do Premio de Ensaio «Ramón Piñeiro» converteuse onte en Compostela nunha homenaxe ó pensador galeguista Ramón Piñeiro, falecido en 1990, e a Carlos Casares, que finou hai xustamente unha semana e que foi o promotor deste galardón convocado pola editorial Galaxia co patrocinio de Unión Fenosa. Casares suxeriu impulsar en Galicia o xénero ensaístico, que pensaba que estaba inxustamente esquecido. O gañador do certame, Basilio Lourenço Fondevila desexou que sirva para abrir un horizonte para poder falar en galego de temas do pensamento universais.
16 mar 2002 . Actualizado a las 06:00 h.A obra gañadora da primeira edición deste premio de ensaio é A submisión das masas, da que é autor o profesor de matemáticas pontevedrés e filósofo, por vocación e formación, Basilio García, que asina esta obra como Basilio Lourenço Fondevilla, os dous apelidos que lle terían posto de ter nacido en Portugal, de onde era a súa nai. O ensaista manifestou antes de recoller o galardón que está moi satisfeito, non só porque este traballo será a súa primeira publicación en solitario, descontando artigos e outras publicacións en equipo; senón porque pensa que o premio «pode contribuir a empurrar na dirección de falar, de escribir, en galego de temas que non son galegos, de cuestións de todo o mundo, universais». Basilio García asegurou que a súa orientación filosófica «non ten nada que ver coas matématicas, e proba delo é que os pensadores que me interesan son Heidegger e Marx, afastados totalmente da lóxica». Ten sona de home sabio, consideración que refuga «porque son todo o contario, son un especialista en nada ou, en todo caso, de buscar as conexións entre campos do coñecemento distintos. A problemática do pensamento é fluida». O interese do galardoado por moitas e moi diversas cousas parte dun eixo como é o da crise da civilización occidental en tódalas súas facetas, «porque afecta dende ás ideas políticas ate os medios de comunicación, pasando pola transformación do cristianismo no discurso laico do progreso». O acto de entrega do premio, celebrado no Hostal dos Reis Católicos, contou coa asistencia de numerosas persoas da vida cultural e social galega e estivo presidido por Xaime Isla, do Consello de Administración de Galaxia, e por José Carlos Torrado, subdirector de relacións institucionais de Unión Fenosa, entidade que patrocina o premio. Damián Villaláin, de Galaxia, e Blanca Penzol, da Fundación Penzol, tamén ocuparon a presidencia