As letras españolas renden homenaxe á maxia das palabras de Carlos Casares

TELEVISIÓN

Personalidades como Víctor García de la Concha, Jon Juaristi e Basilio Losada recordarán ó escritor en Verines O mundo da cultura reivindica o legado dun dos grandes autores do século XX

07 sep 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Será o xoves e o venres, nesa Casona de Verines que, dende hai case dúas décadas, acolle, cada ano, o encontro de escritores e críticos de todas as literaturas españolas. Alí, onde a Asturias oriental se vai achegando a Cantabria, nun fermoso e xa mítico edificio que, por algunha literaria circunstancia, pertenece á Universidade de Salamanca, dúas ducias de especialistas lembrarán o maxisterio creador, intelectual e humano de Carlos Casares. En Verines estarán, entre outros, o presidente da Real Academia Española, Víctor García de la Concha, e o director do Instituto Cervantes, Jon Juaristi. Escritores como Bernardo Atxaga, Manuel de Lope, Jon Kortázar, Miquel de Palol, Gustavo Martín Garzo, Marina Mayoral e Víctor Freixanes. E profesores como os catedráticos -e bos amigos, tamén, de Casares- Basilio Losada e José María Paz Gago. O encontro, que dirixirán Fernando de Lanzas Sánchez del Corral, director xeral do Libro, e o rector salmantino, Ignacio Berdugo, será coordinado por Luis González Martín _subdirector xeral de Promoción da Lectura_ e polo profesor da Universidade de Salamanca Luís García Jambrina. Unha voz irrepetible Casares foi, en máis dun sentido, a alma dos Encontros de Verines, ós que acudía, sen fallar nin unha edición, ano tras ano. Tras as sesións de traballo -tras as ponencias e os debates nos que a súa voz, sempre pausada, e incluso o seu máis mínimo xesto, provocaban a atención e o silencio máis expectantes-, xurdía, chegada a noite, outro Carlos. Era -aquel, o das veladas- un dos moitos Carlos que Casares levaba dentro. E non o menos brillante. Sentado nun sillón, cun puro na man, no salón do hotel, e mentres o mar, que alí é o Cantábrico, rompía nas pedras e morría na praia, Carlos contaba cómo a don Gonzalo Torrente, na primeira feira do libro celebrada en Ferrol, un neno lle foi pedir á caseta, cun peso no man, que lle vendese un paquete de pipas, pero que fosen con sal, que non o enganase. Explicaba cómo conseguira chegar el, aínda nos tempos da Unión Soviética, á tumba de Pasternak; e cómo un seu tío, bispo ou arcebispo alá polas terras de Cuba, lle salvou a vida a Castro... Casares era a literatura. E non só cando escribía. Tamén, cando sen necesidade de bolígrafo nin papel ningún, desataba a maxia daquelas historias que daban tantas voltas no aire. Ás veces, conforme avanzaban as horas e a noite, debía de esquecer que entre os que o escoitaban había xentes de moi distintos lugares. E entón -sen abandonar o puro, aquel puro que el miraba igual que se fose a fonte dos prodixios que sabía- volvía a falar en galego. Ninguén protestou nunca. Vese que o entendían perfectamente. E así, gracias a el, o galego era, en Verines, o camiño polo que andan as linguas todas. Era outro milagre dos que facía. Un milagre daqueles das palabras.