La Voz redescobre a Villar

Emilio Xosé Ínsua VILAGARCÍA

TELEVISIÓN

Crónica | A literatura do autor de Viveiro, a súa faceta menos coñecida Este xornal entregará o día 25 de xullo, por un euro, máis o custo do diario, un volume con cen artigos do fundador das Irmandades da Fala

15 jul 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

A imaxe habitual que se ten sobre Antón Villar Ponte é a do ideólogo e dirixente político, a do animador cívico e cultural, a do xornalista, mais non pode esquecerse nin minusvalorar que foi tamén un escritor, un cultivador de diversos xéneros literarios. Poesía, relato, novela breve, prólogo e texto ensaístico máis ou menos extenso foron os moldes en que verteu unha parte non desdeñable do seu talento, por máis que haxa que recoñecer que foi no artigo xornalístico, sobre todo, onde brillou con luz propia. Estes artigos serán redescubertos por La Voz de Galicia nun libro que ofrecerá os seus lectores, polo prezo dun euro, máis o custo do xornal, o vindeiro 25 de xullo, Día da Patria Galega. A vocación literaria de Villar Ponte foi moi temperá e viuse favorecida pola conxunción de diversos factores. Entre eles cabe citar, en primeiro termo, a existencia dunha prensa local no seu Viveiro natal ( El Vivariense , El Eco de Vivero... ). Esta non só facilitou un contacto asiduo coa lectura senón que propiciou as primeiras aparicións de textos vilarpontinos en letras de molde. Antón publica os seus primeiros poemas, escritos invariablemente en español, na prensa local viveiresa: Burbujas, Amorosa, Lírica, Brindis, Primavera, Rubia, Voz del mar, El eterno femenino.. . Trátase de textos claramente influenciados polas correntes neorrománticas e modernistas que comezaban a ocupar o centro do sistema literario español na transición intersecular, ó influxo de figuras como Salvador Rueda, o primeiro Valle Inclán ou Rubén Darío. Non debe esquecerse, ademais, o influxo de Aurelio Aguirre. «Uno de los poetas por quien sentí más grande devoción en mi adolescencia», segundo unha declaración do propio Antón. Conto para La Voz Durante a súa estadía en Foz como boticario, Antón prosegue co cultivo desa poesía neorromántica, mais amplía os seus horizontes cultivando xa o artigo xornalístico, redirixindo para La Voz de Galicia un Cuento de Reyes e compoñendo a rogos das sociedades obreiras da cidade das murallas unha peza teatral de tese en español, El peso de una ley , en que combate por inxusta socialmente a chamada «redención a metálico» do servicio de armas. O contacto con Leiras Pulpeiro e, através del, coa Escola Rexional de Declamación de Lugrís Freire, esperta nel o interese polo cultivo literario do idioma galego. Confecciona a peza anticaciquil e promigratoria A patria do labrego , que inicia a súa traxectoria como dramaturgo galego, e ponse a traducir á nosa lingua algunhas obras de autores cataláns. Comezada a xeira das Irmandades, Villar Ponte publica en A Nosa Terra, en 1918, o poema Serán e noite . Nos seguintes anos non é infrecuente a aparición de determinados textos de índole literaria coa súa sinatura no ideario irmandiño. Son poemas orixinais como Lembranza d'amore (1921) ou versións galegas da súa autoría de textos doutras literaturas próximas. No xornal Galicia de Vigo, que dirixiu Paz Andrade, aparecerán tamén varios poemas vilarpontinos, algúns dos cales xa foran publicados previamente noutros cabezallos.