Carlos Fuentes, entre os finalistas da décima edición dos premios San Clemente
TELEVISIÓN
O escritor mexicano Carlos Fuentes é un dos finalistas da décima edición dos premios literarios San Clemente, convocados pola asociación cultural do instituto compostelán Rosalía de Castro e concedido por alumnos de bacharelato deste centro público de secundaria e doutros catro de toda Galicia elixidos por sorteo en cada edición. Carlos Fuentes, que entre outros galardóns ten o Cervantes, foi seleccionado polo departamento de Literatura Española do Rosalía pola súa última novela, La silla del águila , que compite no apartado de novela en castelán con El heredero , de José María Merino, (ambas en Alfaguara) e París no se acaba nunca , de Enrique Vila-Matas (Anagrama). No apartado de novela en galego, a escolla entre a produción narrativa do 2003 recae en Ácaros verdes (Sotelo Blanco), de Pilar Buela; Os meus ollos (Xerais), de Ramiro Fonte; e A noite da auror a (Galaxia), de Camilo Gonsar, pseudónimo de Camilo González Suárez-Llanos. En novela estranxeira traducida ao castelán optan ao premio as novelas Sigfrido , de Harry Mulisch, publicada por Tusquets; Vida de Pi , de Yann Martel, na editorial Destino; e Middlesex , de Feffrey Eugenides, publicada por Anagrama.