Vigo é a terceira localidade mundial na que se detén o equipo de gravación da película Hotel Tívoli , unha producción de Filmanova Invest, en colaboración con entidades de Dinamarca, Portugal, Arxentina e mesmo de Galicia, que ten como director e coguionista a Antón Reixa. O artista vigués comezou antonte a rodar no aeroporto de Peinador, na compaña dun elenco de actores de outros tantos países, aínda que con grande maioría galega. Luis Tosar, Mabel Rivera, Carlos Blanco, Marta Larralde, Nancho Novo ou Miguel de Lira, traballarán con actores daneses, arxentinos, portugueses, cataláns, inuits e vascos. «É un elenco mestizo, mesmo coma a película, que está feita dende o local cara ao universal», explicou onte Reixa. Un chisqueiro Un chisqueiro que pasa de man a man, e mesmo de país en país, é a excusa que lle permite ao director e productor encadear ata once historias de amor desenvolvidas en dez localidades do mundo. «Non sei se quedará reflictido no filme pero eu tentei poñerme dende o punto de vista dunha muller para narrar estas historias de amor; tentei facer unha homenaxe as mulleres», confesou Reixa durante a rolda de prensa de presentación da cinta. As previsións da produtora son que a película estea rematada este ano porque está previsto que sexa estreada o vindeiro ano 2006.