O grupo musical galego Milladoiro é o gañador do Premio Trasalba 2006, que foi feito público na mañá de onte no pazo de Cima de Vila, Trasalba, municipio ourensán de Amoeiro. A Fundación Otero Pedrayo acordou facer este recoñecemento aos integrantes de Milladoiro baseándose na «calidade e coherencia da súa obra artística, pola constancia e xenerosidade de máis de tres décadas de produción e traballo musical, e pola súa importante contribución ao desenvolvemento da cultura galega, así como pola proxección da mesma alén das nosas fronteiras». Milladoiro amosa parte da creatividade das xeracións que se foron sumando ao universo cultural galego a partir dos anos setenta do pasado século. Por eso fixouse nel a Fundación Otero Pedrayo, que cada ano, e xa van 23, celebra a contribución cultural a prol de Galicia dunha persoa ou dunha institución. A entrega do galardón farase no verán, na xa tradicional romería que ten lugar no vello pazo que fora residencia do egrexio Otero Pedrayo, patriarca das letras galegas. Estes premios comezaron a concederse no 1983 e quen primeiro o levou foi Xoaquín Lorenzo Fernández, Xocas . Os outros premiados nestes anos de historia son Isidro Praga Pondal, Antonio Fraguas Fraguas, Valentín Paz Andrade, Ramón Martínez López; Francisco Fernández del Riego, Miguel Anxo Araúxo Iglesias, Xosé F. Filgueira Valverde, Luís Tobío, Xaime Isla Couto, Isaac Díaz Pardo, Marino Dónega Rozas, Francisco Xavier Río Barxa, Pura Vázquez Iglesias, Raimundo García Domínguez, Ricardo García Suárez; Carlos García Martínez, Xesús Alonso Montero, Xosé Luís Méndez Ferrín, Augusto Pérez Alberti, Andrés Torres Queiruga, Xosé Neira Vilas e Agustín Sixto Seco.