Última hora
Mueren ocho niños en un tiroteo masivo en Luisiana, Estados Unidos

Os galegos poderán planear o seu ocio con «Planeta cine»

Sara Carreira Piñeiro
Sara Carreira REDACCIÓN

TELEVISIÓN

O programa da TVG pasa a emitirse na noite do venres As novas das carteleiras galegas serán un dos pratos fortes desta etapa do espazo

19 abr 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

Ata o de agora, os galegos non podíamos ter na televisión unha guía para saber qué estreas se programaban na comunidade. Ata hai uns meses, nin tan sequera contabamos cun espazo específico de cine. A aposta de TVG pola cultura traduciuse na posta en marcha de Planeta cine, un programa temático, cun primeiro destino na parrilla do domingo. Dende esta semana, o espazo cambia de data, pasará ao venres para adaptarse á realidade de quen van ao cine e queren saber con antelación qué películas haberá nas carteleiras galegas. Os aficionados ao séptimo arte poderán seguir o espazo despois da medianoite, cando remate Luar e o Telexornal que o segue. No primeiro programa co novo horario, Piedad Cabo, a presentadora de Planeta cine , contará coa presencia da actriz Blanca Cendán; na sección Cinema Paradiso estará Eduardo Galeano e a reportaxe versará sobre o Festival Fisahara, ao que asistiu o director galego Ángel de la Cruz para impartir un taller de animación entre os rapaces. Planeta cine é un programa temático que leva trece emisións e ten unha audiencia media moi digna, rozando o 7%, aínda que sempre emitiuse de madrugada. Para facerse unha idea das audiencias doutros espazos semellantes só hai que botar unha ollada a La 2, onde reina un dos clásicos para os cinéfilos, Días de cine, programa con moitos medios técnicos e humáns liderados polo carismático Antonio Gasset; aínda así, o espazo non chega ao 4% de cuota de pantalla. Piedad Cabo, presentadora de Planeta cine, ten claro a limitación do seu programa: «Xa sabemos que os espazos temáticos e de corte cultural teñen un teito de espectadores non moi alto. Ademais, de que o público que pode estar interesado neste tipo de programas é urbano», e ata o de agora non era ese o target (o grupo social máis abundante entre os espectadores) da TVG. «Perdelo todo» Por outra banda, hoxe as dez da noite emítese a cuarta entrega do concurso Perdelo todo , e nesta ocasión están en xogo nada menos que 16.300 euros do bote. Como se recordará, o espazo que presenta Emilio Guillín ten como peculiaridade que os puntos para gañar conséguense errando nas respostas das sinxelas preguntas. Varela, cos seus atinados recontos, e o Gaiteiro de Texas, mítico personaxe galego-americano que é o xuíz implacable coas súas regueifas e repichocas na proba do Vertedoiro -na que se decide quén é o finalista- serán os colaboradores de Guillín unha noite mais. Da animación musical no plató encargarase Piti Sanz. Diego Rico, Ruth Díaz, Óscar Ínsua e Pilar Rey son os concursantes que deben fallar o máximo que poidan nesta semana. Xusto despois de Perdelo todo , Xosé Luís Barreiro falará en Volver ó rego con tres mulleres con moito poder sobre iso precisamente, o poder e as mulleres. Dolores Villarino, presidenta do Parlamento de Galicia; Encarna Otero (directora xeral de Vivenda); e a ex conselleira Pilar Rojo estarán no peculiar casino de Barreiro.