Música e imaxes interactúan no novo traballo do pianista de jazz Abe Rábade
TELEVISIÓN
O compositor presentará os temas do seu álbum «Playing on light» nun concerto en Santiago As fotos de autores internacionais e a poesía da súa irmá inspiraron a última obra do intérprete
30 may 2006 . Actualizado a las 07:00 h.? pianista galego Abe Rábade presentará o domingo, no Teatro Principal de Santiago, os temas do seu novo traballo discográfico, Playing on light , unha proposta singular pola súa concepción, na que se mesturan estilos diferentes. Esta actuación, na que o músico galego estará acompañado polo contrabaixo Paco Charlín ao contrabaixo e o portugués Bruno Pedroso á batería, non será un concerto de jazz estándar, e a razón, como ben explicou Rábade, é pola xénese do propio disco, que non é un traballo convencional. En Playing on light , este pianista formado en Boston mestura ata tres disciplinas artísticas, contando coa colaboración da súa irmán, a poeta María do Cebreiro, e sete fotos como fontes de inspiración, de Ralph Gibson, Donna Ferrato, Nikos Economopoulos ou Mitswaki Iwago, fotógrafos que abordan temáticas distintas. Abe Rábade intentou, vendo cada unha desas fotos, plasmar a súa subxectividade nunha composición. Polo tanto, segundo explicou onte na presentación do disco, as composicións, basicamente, xiran entorno ao que el ve, ao que esa fotografía lle transmite. E cada unha desas composicións vai acompañada dun especie de haiku de María do Cebreiro que intenta plasmar en palabras a visión subxectiva das imaxes. Para Abe Rábade a edición deste cuarto disco seu «é ambiciosa, con 24 páxinas dun folleto interior, e cunha edición na que se reproducen as fotografías orixinais, nas que hai espazo e non está todo apelmazado como sole pasar». Nese sentido, amosou a súa satisfacción por acometer un proxecto tal como el o tiña concibido. Playing on light xa foi presentado nun concerto en Madrid, e o músico e compositor quere manter o formato daquel no Principal, coa proxección das imaxes das fotografías que o inspiraron simultaneamente coa música, interactuando imaxe e música. O pianista referiuse ao momento que está a vivir hoxe o jazz galego, destacando que «a situación xa non é comparable á de hai dez anos» grazas a iniciativas que, dixo, axudaron a que a cousa prosperara como o traballo feito pola Escola Estudio de Música de Santiago ou os precursores de esta música en Galicia como Baldo Martínez, Nani García, Suso Atanes ou Alberto Conde, «que lle deron o primeiro grande impulso a esta música». O propio director xeral de Creación e Difusión Cultural da Xunta, Luís Bará, apoiou a presentación do traballo, destacando a súa singularidade «polo que supón de aposta pola creatividade» e tamén «porque supón unha reflexión entre a música e a fotografía». Para o representante da Xunta, o disco «e tamén unha boa expresión do bó momento que se está vivindo dentro da música galega o jazz», destacando, ademais do proxecto de Abe Rábade, outras iniciativas que están xurdindo como a Orquestra Galega de Jazz que se vai a presentar proximamente ou o Seminario de Jazz de Pontevedra.