O acto contou coa presenza de tres novas poetisas, menores de trinta anos Catorce poetas galegos, portugueses e vascos déronse cita onte no castelo de Salvaterra de Miño
02 sep 2006 . Actualizado a las 07:00 h.? pesar de nacer en 1981, o Festival da Poesía no Condado cumpriu agora soamente vinte anos. Cinco anos de inactividade por problemas económicos impediron que esta invención da Sociedade Cultural e Deportiva do Condado non puidese agora celebrar as súas vodas de prata. Aínda así, é o certame lírico máis antigo de Galicia, e case o único. O festival, que rematou onte en Salvaterra de Miño, contou coa participación de once poetas galegos, dous lusófonos e unha vasca. A principal característica que presentou o elenco galego foi a presenza de mulleres novas, tres delas menores de trinta anos. E é que dende as súas orixes, a cita de Salvaterra é un escaparate para escritores novos, que teñen a oportunidade de ler as súas obras xunto a escritores consagrados. Cesáreo Sánchez, Antía Otero, Lucía Novas, Xulio López, Eduardo Estévez, José Alberte Corral, Marta Dacosta, Lucía Aldao, Luz Fandiño, María do Cebreiro e Sechu Sende conformaron a representación galega no certame. A vasca Leire Bilbao, o portugués Luis Filipe Cristovao e a mozambicana Guita JR completaron a parte poética do festival. Música Ao marxe da presenza lírica, o festival ten moitos outros atractivos, como as exposicións, as demostracións artesanais, as actuacións musicais ou a proxección de audiovisuais, como o que dirixiu Margarita Ledo sobre o poeta Manuel María. Durante tres días, o castelo de Salvaterra de Miño convértese nunha cita obrigada para os amantes da literatura en galego e para os que simplemente lles gusta a troula. A noite do pasado venres, varios centos de persoas seguiron as actuacións dos grupos participantes no festival de ska e hip hop proposto pola organización. Os italianos Banda Basotti, o colectivo galego de hip hop Dios Ke Te Crew e os vascos Betagorri fixeron da explanada do castelo unha festa. Dende o xoves, o recinto do festival amosou unha exposición con pinturas de Ánxel Huete, Francisco Mantecom, Xosé Guillermo, Mario Granell e Xosé Lodeiro, e as fotografías de Manuel Sendón e Xosé Luís Suárez Canal. Polo Festival da Poesía pasaron recoñecidos poetas como Méndez Ferrín, Neira Vilas, Manuel María, Bernardino Graña, Marta Dacosta, Manuel Rivas, M. A. Fernán-Vello ou M.ª do Carme Kruckenberg. E no eido musical, tamén contou en edicións pasada con artistas como Milladoiro, Fuxan os Ventos, Suso Vaamonde, Emilio Cao, Amancio Prada ou os portugueses José Afonso, Fausto, e Vitorino.