A comisión reunida en Ourense porá en marcha a xunta xestora para a súa creación Os grandes do panorama español aínda non decidiron se se sumarán á convocatoria
06 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.A posta en marcha dunha rede estatal de festivais de cine acadou onte en Ourense o seu antepenúltimo paso e a decisión de poñer en marcha unha xunta xestora que será a encargada de convocar o congreso xeral de constitución. Representantes de dous festivais, Vitoria e Ourense, e mais das federacións de festivais de Andalucía e Cataluña, xunto co periodista especializado en cine Javier Angulo, firmaron onte un documento previo á creación dos estatutos desta rede que, segundo o explicado, pretende poñer orde no caos de festivais que existe actualmente. Segundo os participantes nas reunións celebradas no festival ourensán, para o de Málaga debería xa estar en marcha esta rede de festivais. A xunta xestora haberá de decidir os criterios de admisión dos festivais que poderán sumarse á rede, por máis que, segundo indicaron na presentación de onte, serán criterios de profesionalidade, respecto ao traballo artístico e a defensa dos dereitos dos autores. Por máis que ningún dos festivais grandes entre os que se celebran en España anunciou a súa intención de sumarse a esta rede, os participantes nesta reunión indicaron por boca de Javier Angulo que «en cuanto que no les suponga ningún problema no tendrán inconveniente en sumarse». Para Fernando López, responsable do festival de Vitoria, «no se trata de que la red vaya a ejercer una actividad policial sobre quién puede y no puede sumarse a ella». Para os integrantes do grupo, é máis importante que «desde los propios festivales se muestre una actitud de ordenación para que el Ministerio de Cultura y el ICAA entiendan la necesidad de acometerla». Para explicar a situación, os membros deste grupo indicaron que o último reconto levado a cabo, hai case dous anos, rexistraba 220 festivais cinematográficos en España, con características, niveis e intencións diferentes. Destes douscentos longos, aproximadamente oitenta están interesados ata agora en formar parte da rede de festivais.