Os selos galegos publicarán a autores clásicos e debutantes, ademais de traducións Aparecerá un libro coas versións que fixo Cunqueiro da poesía de Hölderlin
04 ene 2007 . Actualizado a las 06:00 h.As editoriais galegas ofrecerán aos lectores ao longo deste ano un amplo abano de autores e temáticas, que abranguen dende novidades de escritores clásicos como Álvaro Cunqueiro, contemporáneos asentados como Miguel Anxo Murado, Xavier Queipo ou Teresa Moure, e incorporacións como as de Héctor Carré, Mario Regueira e Oriana Méndez. No 2007 confírmase tamén a aposta dos selos galegos pola tradución: Boccacio, Ishiguro, Nabokov e Boris Vian serán algúns dos autores foráneos con obra publicada en galego. Ficción. Neste mes de xaneiro, Xerais publicará as novelas de Xavier Queipo ( Dragona ), Francisco Antonio Vidal ( Pecados capitais , Premio Terra de Melide) e Carlos Freire ( Acio sanguento , Premio Novela por Entregas La Voz de Galicia). Para marzo chegará a nova novela de Teresa Moure, Benquerida catástrofe . Outros lanzamentos de Xerais serán Case perfecto , de Marina Mayoral, e os debuts de Mario Regueira ( L'affiche rouge ) e Héctor Carré ( Diario dun impostor ). Pola súa banda, Galaxia publicará en febreiro New York, New York , de Inma López Silva, e en marzo Historias da febre , o regreso de Miguel Anxo Murado á narrativa. Neste mes tamén sairá 32 dentes , de Xabier López López e finalista do Premio Torrente. Espiral Maior publicará unha novela do dramaturgo Manuel Lourenzo, O hóspede escandinavo . Non ficción. Neste apartado teñen cabida dende o ensaio ata os volumes de conversa. Xerais publicará en marzo Historia do galeguismo político , de Xusto Beramendi. Un mes antes editará un libro de conversas con Darío Xohán Cabana e o Adiviñanceiro popular galego , de J.L. Garfer e C. Fernández. Galaxia achegará tamén Arte e parte , un ensaio atípico de Xurxo Borrazás, así como un volume de Kierkegaard con prólogos a libros que non existiron. Espiral Maior reedita unha versión ampliada de Por unha Galiza liberada , de Xosé Manuel Beiras. Tamén se coñecen novidades co gallo do Día das Letras: Xerardo AgraFoxo prepara para Galaxia unha biografía sobre María Mariño. Pola súa banda, Faktoría K celebra o seu primeiro ano cun libro de arte, un Animalario producido por artesáns da India. Poesía. Galaxia ten en perspectiva dous libros, dun consagrado e dunha nova voz. De Álvaro Cunqueiro publicarase unha antoloxía das traducións que fixo de Hölderlin, en versión bilingüe galego e alemán. Oriana Méndez debuta cun poemario titulado Derradeiras conversas co capitán Kraft . En Espiral Maior sairán Fundaxes , de Martín Veiga (Premio Fiz Vergara); Shakespeare mata o porco cunha rosa , de Ramón Reboiras; As horas de María , de Francisco Souto; A ollada de Astarté , de Pura Salcedo; e Pan de farrapo , de Antonio Placer, con disco e DVD. Infantil e xuvenil. No 2007 Xerais dará ao prelo unha novidade de Fina Casalderrey, A pomba e o degolado , mentres que Agustín Fernández Paz entregou no mesmo selo unha versión corrixida de Cartas de inverno . Galaxia publicará ao gañador e ao finalista do Premio Raíña Lupa, Antonio Yáñez ( Viaxe a Libunka ) e Xerardo Quintiá ( Ke-tumba ke-tamba ). Tamén ten en carteira Piratas , de Daniel Ameixeiro, e Chan a fantasma , de Mariasun Landa. Pola súa banda, Kalandraka publicará o álbum do deseñador chileno Fernando Krahn, Pegadas xigantes , seguido dun bestiario dos portugueses José Jorge Letria e André Letria, Animais fantásticos . Non son as únicas apostas lusas do selo: Alexandre Honrado e Jorge Araújo tamén terán libros en Kalandraka este ano. Na súa colección Makakiños , dirixida a nenos autistas, publicará un libro de receitas de cociña. Faktoría K repite con Daniela Kulot, co seu Leopoldo e Casilda para primeiros lectores, e por primeira vez publicará en galego ao xaponés Gomi Taro. En OQO destaca o primeiro libro do actor e director teatral José Campanari, o álbum Sígueme! (Unha historia de amor que non ten nada de raro) . Tamén prepara Tres irmás ladronas , de Txabi Armal e Elena Odriozola, así como O cabaleiro Pepino , de Carmen Gil e Ana Castagnoli. Portugal ampliará a súa presenza en OQO, con autores como Teresa Lima e Bernardo Carvalho. Traducións. As novidades inminentes de Rinoceronte son o Decamerón de Boccaccio e A ponte sobre o Drina , de Ivo Andric. Galaxia publicará Non me deixes nunca , coa que Kazuo Ishiguro acadou o Premio de Novela Europea Casino de Santiago. Nesta colección aparecerán O lector , de Schlink, e Fuxir , de Jean Phillipe Toussaint; outros lanzamentos son Viaxes no Scriptorium , de Paul Auster, e Campo Santo , de Sebald. Faktoría K tamén se suma ás traducións: as súas apostas son Lolita , o gran clásico de Nabokov; Cuspirei sobre as vosas tumbas , de Boris Vian; e O señor Ibrahim e as flores do Corán , de Eric-Emmanuel Schmitt.