Pepa Arán, de nove anos, conduce «On the rocks», un espazo dedicado ao panorama do pop independente en galego e español
31 ene 2007 . Actualizado a las 06:00 h.Se algunha vez o vídeo matou á estrela da radio, como dicía a canción dos Buggles, daquela Internet vén de resucitala. Os programas á carta na Rede e a posibilidade de descargalos para escoitalos nun reprodutor MP3 (o que se coñece como podcast ) son un fenómeno que non deixa de medrar e do que tamén se está a beneficiar a música galega. Este domingo, por exemplo, comeza as súas emisións Radio Oceánica , que prestará atención ao panorama internacional e galego. Pola súa banda, o espazo On the rocks leva xa dous programas, orientados a bandas contemporáneas galegas e españolas; as primeiras entregas estiveron dedicadas a Transportes Hernández & Sanjurjo e The Homens, respectivamente. Pero o que distingue a On the rocks doutros programas similares é a presentadora: no micrófono está Pepa Arán, nove anos e estudante de cuarto de primaria en Carballo. «Corre que comezamos», avisa Pepa sobre Amor e non acrobacias , a canción dos Homens que utiliza como sintonía o programa, que dirixe Quico Balay (tamén é o guionista) e que ten en Manuel Rod o deseñador da páxina web. O espazo tamén se emite nas tardes dos venres na emisora de Carballo de Radio Voz e está dispoñible semanalmente na web. Con enxeño e naturalidade, Pepa vai dando paso ás cancións e ás declaracións dos músicos. De Transportes Hernández & Sanjurjo di que son «unha empresa pedestre, tanto para un bautizo como para unha mudanza». The Homens representan unha «terceira vía» para o pop galego, «gratuíta, coñeira e ye-yé ». Balay avanza que no vindeiro programa a estrela será J, cantante e guitarrista do grupo granadino Los Planetas, quen presentará o seu proxecto paralelo, La Cultural Sol y Nieve. «Tamén imos recuperar unha banda coruñesa de principios dos oitenta, Metro, que realmente foron uns adiantados ao seu tempo, porque influíron en grupos como Duncan Dhu e agora están esquecidos inxustamente», explica Balay. Pepa tamén estuda piano, canto e frauta. De maior quere ser profesora de música. «Escoitámonos, meus», é a súa despedida na radio. ontherocks.blogia.com www.radio-oceanica.net