O Festival de Redondela completou a edición con máis público dos últimos anos Espectáculos de habilidade no movemento dos monicreques predominaron no certame
27 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.Non todos os títeres penden dun fío. O Festival de Títeres de Redondela amplía a cada edición o campo semántico da palabra manipulación e o número de espectadores que se deixan levar polas distintas formas de contar unha historia por personaxe interposto que non é humano. Onte rematou unha edición que, entre a reflexión electoral e o clima de entretempo, bateu as cifras de asistencia dos últimos anos. A oitava internacional. Esta oitava edición do festival inclinouse máis á habilidade que ao narrativo. Unha demostración de formas variadas de manexo, de formas exóticas pero case sempre baseadas na elegancia e na precisión do traballo. Dous grupos marcaron este estilo. Os grupos indio e chinés, compañías que traballan sobre as formas tradicións e con títeres realistas, moi coidados no vestiario e que reelaboran os movementos humanos. Acróbatas con fíos. Os indios de Aakaar Puppet volven sobre esa imaxe da India de bailarinas e maraxás, cabalos e xogos, e algún acróbata descabezado. Os chineses van por ese mesmo camiño de facer dos títeres case unha compañía de acróbatas. Desde señor do té ata unha marioneta capaz de pedalear sen precisar ningún tipo de substancia química que mellore o seu rendemento. Esas mans. En cuestións de mans as multinacionais de Santa Rodilla fixeron un recital a seis mans, trinta dedos, para compoñer personaxes con pernas como dedos e cabezas como polgares. Pequenas historias a medio a camiño entre adultos e infantes, tirando a íntimas con seus toques de humor e, desde logo, moito mellor se se miran de cerca. ? Narracións de sempre. Os máis inclinados ao narrativo distínguense porque falan moito máis. Dous exemplos de galaxias diferentes. Un matizado montaxe da compañía asturiana Kamante que, ao tempo que lle dá a volta á historia de lobo que debía paparse a carrapuchiña, dálle tamén a volta ao xeito de contala. Un escenario con sorpresas, obxectos comúns descontextualizados e a posibilidade de que a mala da historia sexa carrapuchiña ofrecen unha versión contemporánea do asunto. ? Cousas pequenas. Grandes espectáculos. O circo das pulgas amestradas pasou polo festival, ten menos de títeres que de teatro, pero aínda funciona esa historia dos insectos atrapados. Un pouco máis grande, pero non moito, son os personaxes circenses de Mikropodium. Todo delicadeza con soltura melancólica.