«Pase o que pase con Diego esta noite, sempre levará 'Serramoura' no corazón»
TELEVISIÓN

O actor Miguel Ángel Blanco asegura que no episodio de hoxe «vaise xuntar todo o pasado de Diego e el sabe que vai ter que pagar polo que fixo»
14 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.Preparando a estrea dun monólogo en Bogotá e despois de participar na rodaxe dunha producción internacional en Colombia, Miguel Ángel Blanco fai un repaso da súa traxectoria como sarxento Diego Bazán en Serramoura, que esta noite, ás 22.15 horas, emite un novo episodio en Televisión de Galicia.
-Son xa 124 episodios de «Serramoura». ¿Onde cre que reside o seu éxito?
-Vai parecer que sempre digo o mesmo, pero para min o éxito de Serramoura está nos guionistas. Tamén nun equipo técnico e artístico marabilloso, pero todo parte dun bo guión. Se non hai un bo guión non se pode facer moito. Sempre me sorprende a capacidade que teñen os guionistas para reinventar constantemente Serramoura, porque cando parece que xa está todo contando, as tramas volven a sorprender. E desde logo o equipo técnico e artístico que se xuntou desde o principio conseguíu que se fixese a serie con moito agarimo, e iso sempre traspasa a pantalla.
-¿O fenómeno fan de «Serramoura» segue vivo?
-Cando vas pola rúa sempre tes que parar para unha foto, e felicítanche pola serie, que lles encanta. Tamén nas redes sociais envían mensaxes e felicítannos. Serramoura ten un público moi variado, hai moita xente nova e maior que segue a serie. Iso di moito da calidade das tramas e do que contan as historias, que abarcan un público moi variado.
-¿Como foi a evolución de Diego Bazán nos catro anos de emisión da serie?
-Como actor, Diego Bazán aportoume moito. Foi medrando capítulo a capítulo, temporada a temporada. Se cadra ao principio Diego era máis visceral, pero pouco a pouco Marga foino apousentando.
-¿Que podemos atopar de Miguel Ángel Blanco en Diego Bazán?
-Eu son unha persoa bastante dubitativa e con bastantes medos e dalgún xeito, Diego tamén ten ese punto de que, cando se enfronta á morte, tamén ten medo. Compartimos ese medo ao abismo do descoñecido.
-¿Que é o máis complicado de interpretar este papel?
-Para min, o máis difícil do sarxento Bazán é conter toda a carraxe que ten a personaxe. Por riba de todo, Diego sinte que o mundo sempre foi inxusto con el e precisamente está na Garda Civil para facer xustiza. Hai en Diego unha parte de heroe vingativo contra os malos.
-¿Que atoparán os seguidores no episodio desta noite?
-No episodio desta noite saberemos o que vai pasar con Diego e Marga. Vaise xuntar todo o pasado de Diego e el sabe que vai ter que pagar por todo o que fixo.
-¿Como chegou Diego Bazán a atoparse nesta situación tan complicada?
-Como a xente xa sabe, Diego nos seus tempos mozos estivo metido nun tema de mafias. Nun momento dado, veuse involucrado nunha pelexa a morte e acabou matando, sen querer, a un dos seus amigos e despois fuxíu. Primeiro ao exército e despois á Garda Civil. El intentou sempre borrar o seu pasado, pero como se di en Serramoura, o pasado sempre volve.
-¿Que nos pode adiantar do futuro de Diego Bazán?
-Pase o que pase con Diego esta noite, sempre levará Serramoura no seu corazón.