Xúlio Abonjo: «Ao sarxento Roi o ambiente de Serramoura teno bastante alucinado»

hadrián rodríguez REDACCIÓN / LA VOZ

TELEVISIÓN

-

O actor encarna a un axente de grande experiencia que entra na serie no capítulo desta noite (TVG, 22.25 horas)

21 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Xúlio Abonjo é unha das novas incorporacións nesta temporada de Serramoura (TVG, 22.25 horas). O seu personaxe, Roi Quiroga, sorprenderá aos seguidores da serie de ficción polo seu particular punto de vista sobre o que acontece na vila.

-Que atoparán os espectadores na nova temporada?

-Moita acción, casos que teñen moita carga de profundidade e, aproveitando que entra o sarxento Roi Quiroga, outra forma de enfocar os casos, cun punto máis humano, e, como xa dixen, máis humor, non entendido como comedia, senón do humor que entendemos os galegos.

-Quen é Roi Quiroga?

-Roi Quiroga é un sarxento da Garda Civil que ten unha mochila cargada de recordos, e non todos bos, que iremos coñecendo pouco a pouco. Ten unha forma de ser moi particular, pero cando traballa coa xente nos diferentes casos que vai haber en Serramoura é moi agradable. Ten moita empatía, sabe tratar coa xente e leva os casos sendo moi humano.

-Como encaixa Roi no cuartel de Serramoura?

-Pois o que lle pasa a todo mundo cando chegas a un traballo. Para o novo é todo novo, e sempre hai que xogar coas expectativas que ten tanto un ao chegar como as dos que xa están alí.

-Como é o proceso de adaptación de Roi ás particularidades dunha vila coma esta?

-A Roi Serramoura teno bastante alucinado. Tal e como está escrito, Roi é un tipo de mundo que vén de enfrontarse con cousas máis perigosas das que pode atopar en Serramoura, pero, aínda así, este ambiente que hai na vila déixao alucinado. Hai de todo, pero en pequeno, e cada personaxe de Serramoura en si mesma é tan particular e tan galega que a Roi non o deixan indiferente, e lévao con humor.

-Entón, o humor xoga un papel importante no personaxe?

-Eu creo que si, pero humor non entendido como humor cómico, senón que, como é un tipo que está de volta de todo, tómao todo con humor. Isto non quere dicir que sorría con frecuencia ou que ría con asiduidade. Ao tratar temas na súa vida tan complicados, agora todo lle parece unha balsa de aceite.

-Roi terá ocasión para atopar o amor?

-Claro! Ademais é do primeiro que atopa alí. A pesar de que é un tipo moi reservado e non fala moito, é moi cariñoso e afectivo e incluso agradable cando se deixa coñecer.

-Que é o máis complicado de interpretar a Roi Quiroga?

-Este personaxe ten unha bagaxe e unha experiencia detrás na que xa pasou por todo. Por fóra sempre está de bo humor, pero leva unha pena e unha dor por dentro, que agora non podo contar, pero que o consome. Podes entender como se pode sentir o personaxe, pero interpretalo é moi complicado.

-Como é o ambiente da gravación da serie?

-Moi bo. Moitos son compañeiros cos que xa veño traballando desde hai tempo e iso é moi agradable para traballar, porque é como estar en familia. Como profesional non debería influír, pero si que inflúe estar cómodo e sentirse querido.

-Que supón para Xúlio Abonjo entrar nunha serie como «Serramoura», que leva máis de 124 episodios emitidos?

-O complicado é que é unha serie que xa está avanzada e eu entro agora. A complicación como actor é encaixar no universo Serramoura. Para min non só é un privilexio estar na serie como tal, senón que o personaxe que interpreto, o sarxento Roi Quiroga, é moi bonito de facer e eu estou encantado.

-Como cre que será a acollida de Roi polos espectadores?

-Espero que moi boa. Serramoura é unha serie consolidada, ten un universo moi bonito de contar e de ver e Roi é un personaxe que é un agasallo. Creo que vai gustar e estou encantado.

Roi Quiroga chega ao cuartel de Serramoura

Esta noite Televisión de Galicia emite un novo episodio de Serramoura, que conta coa incorporación de Xúlio Abonjo como principal novidade. Despois dunha precuela coa que os espectadores puideron coñecer como foron os inicios de Marga no cuartel da vila, o inicio da relación entre Gloria e Evaristo e como era a vida de casada de Teresa Soutelo, e tralo xiro inesperado da relación entre os sarxentos Neira e Bazán, Serramoura volve ao presente con novos episodios que conteñen todos os ingredientes aos que están acostumados os seguidores da serie: moita acción e intriga.

Co sarxento Bazán convertido en fuxitivo, os efectivos do posto de mando da vila intentan recuperar a normalidade, pero Tomás non tarda en anunciar a chegada dun reforzo: o sarxento Roi Quiroga. A idea de contar cun novo compañeiro non lle fai moita ilusión a Marga Neira, que refixo a súa vida despois da súa decepción con Diego, e seguirá moi de preto a particular forma de afrontar os casos de Roi.

O sarxento Quiroga non tardará en demostrar que é un garda suficientemente preparado e pronto gañará o afecto do cuartel, aínda que o segredo que agocha, e que só coñece Tomás, pode poñer en perigo a súa reputación.

Despois das presentacións, o cuartel recibe a chamada dun grupo de cuadrilleiros que atoparon no monte en estado de shock a Sira, unha veciña da vila. Despois de localizala, Marga e Roi terán que gañar a súa confianza para saber o que lle aconteceu.

A alianza entre Raquel e Evaristo para poñer en marcha a explotación da primeira mina de Serramoura segue adiante, pero os trámites están sendo máis complicados do que agardaban e a sospeita de que alguén quere paralizar o proceso non tarda en aparecer.

Pola súa banda, xa non hai nada que reteña a Pancho na vila e el quere refacer a súa vida lonxe, pero non está disposto a deixar que marche. Será quen de conseguilo?

Redes sociais

Para estar ao tanto da evolución de Serramoura, os espectadores poden seguir a gravación e descubrir os segredos da serie nas seguintes redes sociais: www.facebook.com/serramoura.serie; www.twitter.com/serramoura_tvg e www.instagram.com/serramoura.serie.