A actriz interpreta á cabo Patricia Barbeito
28 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.Despois de rematar a gravación dos novos epidosios de Serramoura, falamos con Sonia Méndez, a actriz que interpreta a cabo Patricia Barbeito no thriller de Voz Audiovisual.
-Que atoparemos no episodio de «Serramoura» desta noite?
-Teremos a resolución do caso de Sira, que vai ser do máis inesperada, e veremos como o sarxento Quiroga e a sarxento Neira levan mellor o de traballar xuntos. E, pola parte que me toca, Patri estalle facendo sinais de fume ao cabo Parcero pero, polo momento, non se decata moito.
-Estivemos pendentes durante moitos episodios das chamadas entre Quique e Patri. Por que pasou tanto tempo ata que puidemos coñecela?
-Creo que é como Luz de luna. As grandes historias de amor fanse esperar e agora temos que ver se as expectativas se cumpren ou non, e hai que estar moi atentos ao que vai pasar entre eles. Eu creo que foi interesante manter a intriga desa Patri que estaba ao outro lado da liña telefónica. A ver como evoluciona esta relación e a ver se deixa de ser tan virtual.
-Exactamente, quen é Patricia Barbeito?
-Patri é unha cabo da Garda Civil que traballa no departamento de delitos telemáticos. É unha rapaza moi especial e ten un universo moi definido: é ávida lectora de cómics, é seguidora do Xabarín Club e de canta frikada existe. Ten grandes principios e é capaz de adaptar ese mundo que ela ten, o desas historias de ficción, para trasladalas ao mundo real do que ela fai. Algo que parece tan difícil como ser Garda Civil e ter ese universo tan friki con referentes tan outsider. Ela está do lado do ben e traballa contra o lado do mal, e ela é capaz de vivilo como nunha peli de superheroes. Ademais vén dunha familia, que aínda non podemos dicir nada, pero que iremos descubrindo quen é. É un personaxe moi tenro e moi entrañable e creo que vai dar moito de si.
-Cal é a función de Patri en «Serramoura»?
-Patri sempre estivo aí e sempre acaba resolvendo os fíos soltos das investigacións. É un chanzo moi necesario para solucionar os casos. Ata o de agora ela non estaba presente, pero, sempre que había algún problema, ou algo que non se podía resolver, recorrían a Patri. Ten esa destreza de traballar ben detrás dunha pantalla de ordenador.
-A primeira aparición de Patri foi no episodio 120. Como foi a acollida polos seguidores da serie?
-Había un hándicap moi importante para min como actriz e tamén co personaxe, que era que ao estar 120 episodios na imaxinación das espectadoras e espectadores a expectativa que tiñan creada de Patri podía ser moi diferente e, sobre todo, cando se apostou por esta personaxe tan peculiar e tan definida. Hai xente que a imaxinaba doutra forma e que agora non entende algunhas referencias que fai Patri, pero logo hai moita xente á que lle encantou, sobre todo aos seguidores das cousas das que ela fala: Xabarín Club, Son Goku ou Doctor Who. Eu creo que crear a esta Patri foi moi acertado.
-Que ten Sonia Méndez de Patri?
-Teño moitas cousas de Patri pero non son tan friki [ri]. Eu achego case o cen por cento do vestiario cando Patri non vai vestida co uniforme de Garda Civil porque entendo que é interesante para dar un punto de verdade á personaxe. En xeral hai moitas cousas de Patri coas que me identifico. Ten unha comicidade moi fresca e que dá moito xogo. A primeira vez que lin as súas secuencias pensei: «Esta tía cáeme moi ben».
-Que lle agarda a Patri na nova temporada?
-A nova temporada ten moitas sorpresas para Patri. Por un lado temos esa tensión co cabo Parcero, e imos ver como avanza. Pero polo que vimos de Patri sabemos que cando quere algo vai por el, porén as personalidades de Quique e Patri son como a auga e o aceite. E tamén sabemos que cando alguén chega a Serramoura, ou ten algo que ver coa vila, sempre lle pasan cousas, así que seguro que algo lle pasa a Patri esta temporada e xa veremos como se resolve.