
O actor Xabier Deive asegura que os intérpretes galegos son moi recoñecidos na escena nacional actual
25 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.Xabier Deive comparte co seu personaxe na serie Serramoura o seu apego pola vida rural. O actor avanza que Pancho vai dar un xiro que vai ser entrañable.
-Con que sorprenderá Pancho nesta temporada?
-Nesta temporada de Serramoura, Pancho vai sorprender, non porque abandone ese aire rudo que ten ou a violencia que empregan ás veces as xentes de Serramoura, senón pola motivación do personaxe. Vaille gustar ao público porque vai ter unha visión de Pancho amable dentro do rudo que é o personaxe.
-Como foi a evolución de Pancho ao longo da serie?
-Pancho empeza Serramoura cunha dobre vida, tanto no persoal como no laboral. A partir de aí complícaselle e el intenta redimirse temporada tras temporada. É un home que quere chegar a ser alguén, pero as circunstancias non lle deixan. Agora está farto desa situación e vai intentar darlle a volta á tortilla.
-Desde o punto de vista actoral, Pancho é moi completo. Como afronta interpretar a un personaxe destas características?
-Con Pancho teño que navegar entre ter mal carácter e non ser malo. É moi gratificante interpretar a alguén así porque non é un malo de libro. Ás veces, pola rúa ou no supermercado, escoito cousas como «aí vai o malo de Serramoura». Pero despois quedo pensando en que Pancho en realidade non é malo, non fai maldades, e ás veces a xente confunde rudo con ser malo.
-Despois de tanto tempo, que ten Xabi de Pancho?
-Eu teño moito de Pancho no sentido de que son moi rural, estou moi apegado á aldea, e cada ano voume apegando máis.
-Inmerso na produción de dúas series á vez, como consegue compaxinar as gravacións?
-Iso lévoo estupendamente [ri]. É síntoma de estar operativo. O único problema é o que teñen os axudantes de dirección, que teñen que poñerse de acordo polo tema das datas [ri].
-Hai moita diferenza entre traballar nunha serie autonómica ou nunha nacional?
-Hai algunha diferenza, sobre todo no número de páxinas que gravamos ao día. Nunha serie nacional tes máis tempo para preparar as secuencias, pero unha vez que estás diante das cámaras todo é igual.
-Galicia está gañando peso como plató nas ficcións nacionais. Como ve o sector?
-É unha marabilla e espero que dure moito tempo. Tiven a sorte de participar en moitas destas producións e o resultado en cámara é moi bonito. Está moi ben que se confíe no sector audiovisual de aquí, que non ten nada que envexar ao de fóra.
-Que consideración teñen os actores galegos fóra de Galicia?
-Sinceramente, penso que moi boa. Téñennos por xente de oficio e algunhas das grandes figuras da escena nacional actual son galegas.
esta noite, ás 22:30, na tvg:
A cabo Parcero, en perigo
Atopar a Patri é a prioridade do cuartel no episodio desta noite de «Serramoura». Os intentos de Rosalía por desviar a investigación da morte de Maroto están dando resultado, e Marga e Roi non conseguen relacionar os sospeitosos co asasinato. Pero o caso deixa de ocupar o primeiro posto nas prioridades do cuartel cando Quique alerta da desaparición de Patri.