Iria Azevedo: «Serramoura é o lugar axeitado para os criminais»

H.R.

TELEVISIÓN

A actriz interpreta a Muriel, a misteriosa personaxe que chegou hai pouco á vila de Serramoura

31 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A actriz Iria Azevedo interpreta a Muriel, a misteriosa personaxe que chegou hai pouco á vila de Serramoura.

-Que supón para ti participar en Serramoura?

-É un pracer, porque é unha serie con moito tirón, e tamén me abriu un código que é moi interesante, porque é como o salvaxe Oeste. Personaxes coma a de Muriel, que sempre van ao límite, son moi apetecibles de facer.

-A chegada de Muriel a «Serramoura» é un dos pratos fortes destes episodios. Que pode contar desta personaxe?

-Cando lin a personaxe decateime de que ten moita forza e moitas arestas con picos internos. É moi segura e non dá puntada sen fío. O que podemos dicir de Muriel é que está acostumada a vivir nun mundo criminal. Eu entendín a Muriel coma Cleopatra, como unha muller que evoluciona constantemente para acadar os seus obxectivos e para a que no mundo en que se move é moi importante ter unha reputación que a manteña afastada dos seus inimigos.

-Moitos dos personaxes que chegan a «Serramoura» teñen moito que agochar. Tamén é así no caso de Muriel?

-A min o que me gusta de Serramoura é que hai dous tipos de persoas, que son os que nacen alí e os que chegan fuxindo de algo. Parece que Serramoura é o lugar axeitado para os criminais e todo mundo anda buscando tamén unha saída.

-Un dos personaxes que estará moi presente no paso de Muriel pola vila é Santos. Que pode adiantar dos negocios que van ter entre mans?

-Muriel sabe que se quere acadar algo na vila necesita un plan, coidar os detalles e ter un pouco de clase. Santos é a oportunidade de Muriel para acadar os seus obxectivos, pero isto pode acabar de moitas formas [ri].

-Como afrontou a preparación desta personaxe?

-Cando chega algo así sempre parece moi difícil, pero o complicado é poñerse na situación, e, unha vez aí, empeza a arrancar. Eu traballo moito desde as sensacións que transmite a personaxe e despois camiñas ao sentimento e ao pensamento que pode ter. Tamén hai que prestar moita atención ao contexto.

-Fóra do audiovisual, está agora sobre as táboas. Cales son os seus proxectos máis próximos?

-Agora mesmo estou inmersa nos ensaios da nova obra do CDG que estreamos o 11 de abril, e na que participo como axudante de dirección.